O Festival de Teatro Galego, FETEGA, referente da cultura e do teatro galego ao ser o festival máis antigo da comunidade, chega este ano a súa 28ª edición, cun completo programa de actividades que terán lugar do 5 ao 9 de setembro no Carballiño.
Para o concelleiro de Cultura do Carballiño, Diego Fernández, é un orgullo “acoller este Festival que reúne a mellor programación do teatro galego e que achega a moita xente ao noso municipio”. Mentres que, Jacobo Sutil, director de AGADIC, destacou a tradición da provincia de Ourense nas artes escénicas ao afirmar que “dos dez festivais nos que estamos presentes, catro celébranse nesta provincia” e sinalou “a promoción que fai o FETEGA das nosas artes escénicas tanto na programación como nos que recoñecementos que se conceden durante a súa celebración”.
O programa comeza o martes, 5 de setembro, ás 22.30 horas, no Auditorio Municipal coa obra “Eroski Paraíso” da compañía Chévere, ao día seguinte, día 6, será a quenda para “A canción do elefante” da compañía Redrum Teatro. O xoves, 7 de setembro, actuará a compañía Inherente Teatro coa obra “Dramaturxia das mulheres” e, ao día seguinte -8 de setembro-, “Impronews” da compañía Triatreros. O sábado, 9 de setembro, será a quenda para Sergio Pazos con “Afiando con humor” e será a gala e entrega de premios que, a partir de agora, “pasarán a chamarse Premios Fetega Dorotea Bárcena”, sinalou Josi Lage. O custe das entradas para estes espectáculos será de 10 euros.
“O premio de honra desta edición recae en Carlos Blanco pola súa traxectoria, profesionalidade e talento”, recalcou Josi Lage.
Por outra banda, ás 19.30 horas, no Anfiteatro, celebraranse actuacións para as cales a entrada será gratuíta. Comezarán o martes, 5 de setembro con “Welcome” da compañía Duelirum, ao día seguinte será “Lila Star” da compañía Vueltos de Rosca. O xoves, 7 de setembro, actuará a compañía Pistacatro coa obra “Escola de saltimbanquis e o venres será a quenda para a compañía Nono Productions coa obra “Nono”. O sábado, 9 de setembro, actuará a compañía IO coa obra “Contiguo”.
O programa do FETEGA complétase con actividades paralelas, que abranguen desde animación na rúa, obradoiros de “improvisación escénica” e “novas linguaxes escénicas”, así como unha conferencia de Teatro Posdramático Galego.