A XXVIII edición da “Festa da Vendima” mesturará música, gastronomía e artesanía o día 27 de agosto no municipio de Leiro
O programa de actividades comeza ás 10.00 horas coa recepción de acios a concurso e posterior exposición. Ás 11.30 horas será a benvida ás autoridades e convidados na Casa do Concello, para dar paso ás 12.00 horas á lectura do Pregón na praza do Cruceiro que nesta edición correrá a cargo da comisionada do Goberno fronte ao reto demográfico, Edelmira Barreira. O desfile de carrozas e charangas comezará ás 12.30 horas desde a rúa Gabino Bugallal ata o Campo da Feira e, ás 14.00 horas, será a visita ao XIV Mercado Artesanal que estará instalado no Salgueiral. O xantar popular comezará ás 14.30 horas.
Pola tarde, a partir das 16.30 horas celebrarase a entrega de premio aos gañadores dos concursos de Acios e Carrozas e continuarase con actividades infantís e festa no Salgueiral. O deporte terá o seu espazo tamén na celebración co partido de presentación do C.F. Leiro ás 17.45 horas. Por último, será a música a encargada de pechar esta celebración co concerto de corais da Vendima ás 20.00 horas e coa actuación en directo no Salgueiral ás 21.00 horas.
Un dos eventos máis atractivos da celebración é o desfile de carrozas que hai en modalidade infantil e adulta. Os premios do certame son para os adultos de 1.000 euros para o primeiro premio, o segundo 750 euros e o terceiro premio 600 euros, e por participar no concurso reciben 300 euros de premio. E na modalidade infantil son de 400 euros para o primeiro, 300 euros para o segundo e 200 euros para o terceiro, e 50 euros por participar.
No mercado artesanal hai 25 artesáns confirmados procedentes principalmente da provincia de Ourense. Haberán artesáns de bixutería, esmaltes en frío, pedras, produtos alimentarios e viño.