A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou as instalacións do CEIP Vistahermosa emprazado no barrio do mesmo nome da cidade das Burgas. Neste centro a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria executou obras de mellora por valor de 55.000 euros.
Díaz Mouteira durante a visita, na que estivo acompañada pola xefa territorial de Cultura e Educación, Luz Fernández, supervisou o remate dos traballos que consistiron na renovación de falsos teitos e luminarias. A delegada territorial subliñou que esta mellora responde as demandas da comunidade educativa que amosou reiteradas veces a necesidade desta actuación.
A máxima representante do Executivo autonómico na provincia explicou que estas actuacións execútanse ao abeiro do plan anual de obras de rehabilitación, ampliación e mellora (RAM) e dos recursos achegados polo Fondo do Superávit.
Así, Marisol Díaz lembrou que a Consellería de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria destina este ano máis de 880.000 euros na mellora de máis de 60 centros educativos de Primaria e Secundaria da provincia ourensá.
A maioría das reformas céntranse na reparación de cubertas e persianas, mellora de instalacións eléctricas e illamentos, substitución de caldeiras de calefacción e mellora de accesos peonís.