O Ourense Club de fútbol presentou a nova campaña do socio solidario que comezará este mesmo venres, 8 de setembro, nas instalacións do Centro Comercial Ponte Vella.
A acción que se enmarca dentro da II edición do programa socio-deportivo, Ourense de dez, suporá un 10% de doazón á acción humanitaria de Cruz Vermella, desprendida da cota de cada socio que se some ao Ourense C.F. cada segundo venres de mes na caseta informativa que se colocará en Pontevella (de 10.00 a 22.00 horas, na porta principal) ou en días posteriores, mostrando para iso o folleto de promoción.
Deste xeito, un carné familiar suporá unha achega solidaria de 8 euros; individual 5; parado, xuvenil e xubilado, 3 euros.
Campaña
A presentación desta campaña, que se prolongará ata xaneiro de 2018, contou coa presenza do vicepresidente de Cruz Vermella en Ourense, Francisco González, quen agradeceu a activación deste calendario solidario e destacou o valor e sentido da palabra “esforzo” desde o seo familiar e desde a base deportiva.
Pola súa banda, o presidente do Ourense C.F., Camilo Díaz, lembrou á institución que o club permanece, un ano máis, aberto a todos aqueles nenos en situacións de desamparo económico.
Campo de Oira
Con esta comparecencia o Ourense C.F., arrinca unha tempada máis, o seu programa social de actividades, que dá o pistoletazo de saída con esta campaña e a bendición do bispo Leonardo Lemos sobre o remodelado campo de Oira, o próximo 14 de setembro ás 20.00 horas.