A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou a tempada outonal dos Trens Turísticos de Galicia tras realizar o balance da campaña estival, na que as oito rutas dispoñibles superaron unha ocupación do 87%, un novo éxito dun dos produtos turísticos galegos máis valorados polos viaxeiros.
Das tres, unha ‘Ourense termal e de compras’, pasa pola nosa provincia. As outras dúas son: ‘Lugo Romano’ e ‘Descubrindo A Coruña’.
A ruta Ourense termal e de compras ten saídas os días 7 e 21 de outubro desde Santiago de Compostela (con achegamentos desde A Coruña e Vigo) e ofrece a posibilidade de realizar unha visita guiada polo centro histórico e a Catedral. Despois dun tempo de paseo e de compras polo comercio de proximidade e calidade, os participantes trasladaranse ás termas de Outariz, para gozar das propiedades das augas da segunda potencial termal de Europa.
Os billetes poden adquirirse a través da web de Renfe e nas estacións, con prezos de 40 euros para adultos, 20 para nenos e descontos para grupos. Os interesados atoparán completa información na páxina turismo.gal.