O mércores 4 de outubro iníciase no Teatro Principal unha nova tempada do Enclave de Cámara co concerto de Dalia Quartet, cuarteto de corda catalán que interpretará A Arte da Fuga de J.S. Bach e obras de Haydn, Guix e Brahms.
O Dalia Quartet é a confluencia de catro músicos que, tras anos desenvolvendo as súas respectivas carreiras musicais no ámbito da orquestra e a praxes solística, deciden unirse nun cuarteto de corda ante a necesidade dun espazo paralelo á orquestra para poder profundar no repertorio de cámara e explorar deste xeito linguaxes estéticas que só un marco coma o do cuarteto de cordas, íntimo e cun altísimo grao de complicidade, fai posible.
Os catro membros (Oleguer Beltran e Elena Rey, violíns, Anna Puig, viola, Erica Wise, violonchelo) compaxinan o cuarteto cunha carreira orquestral consolidada vencellados a conxuntos como a Mahler Chamber Orchestra, Lucerne Festival Orchestra, Camerata Bern, Orquestra Da Camera, Dortmunder Philharmoniker, a Orquestra de la Comunitat Valenciana ou o Trío Lorca.
Tras os concertos de presentación en 2014, o Dalia Quartet xa afrontou compromisos de prestixio, destacando o seu debut na Schubertíada en Vilabertrán no 2015 formando parte do ensemble que interpretou Das Lied von der Erde (Canto da Terra) de G. Mahler dirixida por Josep Pons, así como a residencia no renovado Teatro de Sarrià e outras actuacións en Cervera, no Auditori de Barcelona e no Palau de la Música Catalana.