Os problemas coa salubridade da auga no concello de A Pobra de Trives remóntanse ao mes de agosto, data na que, tras analizar a auga da traída, debido a valores elevados de arsénico, se declaraba NON APTA para o consumo humano pola Consellería de Sanidade.
No escrito remitido daquela desde a Consellería, especificábase a obriga do concello de restrinxir o uso de auga de consumo a calquera actividade que non implicara a súa inxesta ou uso alimentario, comunicar a citada situación á veciñanza antes de 24 horas e buscar algunha alternativa para poder prestar aos usuarios/as do servizo o abastecemento domiciliario de auga potable e garantir a calidade da auga de consumo público.
“O Concello emitiu un bando o 13 de setembro para informar da situación, cumprindo cunha parte das obrigas comunicadas pola Consellería”, asegura o concelleiro de Son de Trives, Jorge Vázquez, “actuación insuficiente, xa que non se ofreceu en todo este tempo desde o concello nin unha soa alternativa para o subministro de auga apta para o consumo, demostrando así, unha vez máis, a pasividade e inacción do grupo de goberno ante as necesidades esenciais da veciñanza, ao ser o paso do tempo a única acción emprendida”.
O 29 de setembro, tras realizar novos análises, a auga volvíase declarar APTA para o consumo humano, porén, desde esa data, detectouse que a auga sae por veces e zonas totalmente marrón e toldada, desprendendo un cheiro desagradable, o que xera contrariedade na veciñanza, ao ter uns resultados oficiais que contrastan obxectivamente coa realidade da uaga que sae polas billas.
Debido á gravidade desta situación, desde Son de Trives solicitan á Consellería de Sanidade que realicen as xestións oportunas ante o concello de A Pobra de Trives para asegurar que se están cumprindo os protocolos para garantir a salubridade da auga e a tranquilidade da veciñanza afectada.