Castro Caldelas contará co Museo Antropolóxico da Ribeira Sacra, un espazo expositivo que terá como obxectivo “potenciar o valor cultural e etnográfico dunhas das comarcas galegas máis importantes desde o punto de vista histórico e monumental”. Así o afirmou en Castro Caldelas o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quen participou xunto coa alcaldesa da vila, Sara Inés Vega, e co intelectual Olegario Sotelo Blanco na presentación do libro Quintela de Mazaira. Terra e xente, do que é autor o propio Sotelo Blanco.
O Museo Antropolóxico da Ribeira Sacra ubicarase no edificio que albergou o Centro de Desenvolvemento Comarcal de Castro Caldelas, cedido pola Xunta de Galicia á Deputación de Ourense tralas xestións realizada por Manuel Baltar, co obxectivo de dispoñer dunhas instalacións que contribúan a seguir promovendo e potenciando o turismo cultural e o valor histórico e patrimonial da Ribeira Sacra, territorio para o cal a Deputación de Ourense impulsou a iniciativa para que sexa recoñecido como Patrimonio Mundial pola Unesco, proxecto no que a institución provincial participa conxuntamente coa Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo e os concellos de Ourense e Lugo integrados na Ribeira Sacra.
Manuel Baltar considera de gran relevancia esta infraestrutura museística, “que será importante non só para Caldelas senón tamén para Ourense e para Galicia, e desde a Deputación de Ourense sentímonos ledos de colaborar para potenciar a rica oferta cultural da Ribeira Sacra e da provincia de Ourense”. Neste sentido, Sara Inés Vega expresou o orgullo que suporá para Castro Caldelas contar con este novo espazo expositivo para a cultura, a historia e as tradicións da nosa comarca, que será un punto de encontro para atraer investigadores e turistas.