A Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia inicia este luns, 23 de outubro, a campaña de vacinación da gripe deste ano. A campaña prolongarase durante dez semanas de xeito continuado ata o vindeiro 29 de decembro, polo que desde a propia Xunta advirten que non é preciso ir os primeiros días, para que non haxa un colapso nos centros sanitarios.
A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, explicou que o principal obxectivo desta iniciativa é minimizar o impacto da gripe na saúde mediante a súa prevención, tentando diminuír o número e gravidade das complicacións derivadas de padecela. Entre os obxectivos específicos destaca o de ofertar activamente a vacinación fronte a gripe para acadar unha cobertura do 65% na poboación de 65 ou máis anos e, ao igual que nos últimos anos, farase un especial fincapé na vacinación do persoal sanitario.
A delegada territorial informou de que a provincia de Ourense conta cun total de 185 puntos de vacinación. Así, poderanse recibir en 107 centros de saúde, en 6 puntos emprazados en centros hospitalarios, en 32 centros sanitarios privados, 31 residencias de terceira idade e 3 residencias de discapacitados, entre outros.