Dous artistas internacionais darán continuidade á quinta tempada do Enclave de Cámara. O pianista Alexei Grynyuk e o violonchelista Leonard Elschenbroich actuarán xuntos no Teatro Principal de Ourense o xoves, 2 de novembro.
Aclamados coma os principais solistas da súa xeración, Leonard Elschenbroich (Alemaña) e Alexei Grynyuk (Ucraína) actúan coma dúo dende a tempada 2009/10, cando se coñeceron sendo estudantes de música en Londres. Entradas entre 5 e 8 euros.
Tras actuacións conxuntas recentes por Inglaterra con concertos para os London BBC Proms, así coma concertos coa Sociedade Filharmónica de Bremen, no Concertgebow de Ámsterdam, no Wigmore Hall ou na Frick Collection de Nova York e extensas xiras por América Latina e Australia, chegan a Ourense cun programa no que teñen cabida obras de Beethoven, Prokófiev e Stravinsky.
Permítenlle ao público, deste xeito, comparar os discursos musicais do romanticismo, aínda vencellado á forma clásica no caso de Beethoven a comezos do século XIX, con propostas neo-clásicas –xa do século XX– que orientaron autores coma Strauss, Stravinsky ou Prokófiev tras teren creado pezas fundamentais para a renovación da linguaxe musical.