Cun percorrido de 10 quilómetros homologados pola Real Federación Española de Atletismo, este evento deportivo celebrarase o día 5 de novembro.

A “Monterrei é 10” chega a súa cuarta edición

O Concello de Monterrei acollerá o día 5 de novembro a cuarta edición da carreira popular do municipio cun percorrido de 10 quilómetros, homologados pola Real Federación Española de Atletismo.

A saída da proba efectuarase por categorías deste modo, a primeira carreira da xornada comezará ás 10.30 horas para a categoría de infantil-cadete (2003-2006) que percorrerán unha distancia de 2.000 metros. Ás 10.50 horas será a quenda para as categorías de benxamín e alevín (2007-2010) cun percorrido de 1.000 metros e, ás 11.15 horas, será a quenda para a categoría absoluta (2002 e anteriores) que farán os 10 quilómetros de percorrido homologados pola RFEA. A categoría prebenxamín (2011-2012) sairán ás 12.35 horas para recorrer os 400 metros de carreira previsto e pechará a xornada a categoría pitufos (2013-2016) nunha carreira de 200 metros.
A saída e a meta da proba será en Albarellos. A entrega dos dorsais efectuarase ata 30 minutos antes de cada proba.

Inscricións
Os interesados en participar poderán inscribirse na páxina web www.championchipnorte.com ata o vindeiro xoves, 2 de novembro, cunha cota de inscrición de 5 euros para a carreira absoluta, mentres que a participación nas carreiras escolares é de balde.

A clasificación será absoluta e por categorías e, ademais de trofeos, haberá premios en metálico para o primeiro, segundo e terceiro da carreira absoluta, tanto en masculino como en feminino.

Para que todo concorra polos cauces correctos de seguridade a proba contará con 25 voluntarios procedentes de Protección Civil de Verín, de Cualedro-Monterrei, de Laza e de Cruz Vermella de Monterrei.