Dentro do Outono Fotográfico.

«Environments» de Jon Gorospe, no Museo Municipal

A exposición «Environments» de Jon Gorospe, Premio Galicia de Fotografía Contemporánea 2016, estará exposta no Museo Municipal de Ourense ata o 3 de decembro.

Forma parte do instinto da nosa especie apartar e enterrar os residuos que producimos. Trátase dun xesto hixiénico fundacional: arrinconamos lonxe de nós o que, con toda probabilidade, podería enfermarnos. Enviámolo a un espazo misterioso e opaco coa esperanza de que alí desapareza. Desprazamos os excrementos a unha realidade paralela que, en palabras do filósofo e psicanalista Slavoj Žižek, percibimos como «un mundo subterráneo, caótico e primordial». Un mundo-sumidoiro, un mundo-desaugadoiro do que esperamos que nada regrese.

As series que conforman «Environments» son o resultado de mirar non tanto os desperdicios como o modo en que os movemos dunha contorna a outra, expulsándoos do noso contexto máis inmediato para integralos nese ámbito -ou punto cego- do que non deben volver. Así, «Environments» pode entenderse como un sistema de balizas que Jon Gorospe dispuxese ao longo do percorrido que os refugallos emprenden cara ao seu exilio definitivo. A súa volta, o potencial retorno dos mesmos só é posible imaxinalo como unha catástrofe: o pesadelo do noxo. Con todo, cabería expor unha hipótese non por desmesurada menos probable, e é que a catástrofe quizá non estea diante senón detrás de nós. En consecuencia, aquilo que o traballo de Gorospe preséntanos talvez non sexa outra cousa que a deriva natural do escenario postapocalíptico no que habitamos -sen sabelo- desde hai tempo. Achegarse, entón, ás plantas de refugallos, aos basurais e vertedoiros non só é achegarse ao gran museo da negación ou ao repertorio máis completo do enmascaramento senón tamén á paisaxe máis probable, á arquitectura que nos espera e que xa está aquí.

Da bolsa de lixo ao vertedoiro, atopámonos ante un tenaz proceso de ocultamento. Ocúltase aquilo que non se asume, ocúltase a obscenidade do decrépito e da morte, encóbrese aquilo que, do outro lado, continúa co seu proceso de putrefacción, coa súa toxicidade incrementada e ameazante: non hai bolsa, contenedor ou camión de residuos transparente. Como na culminación dun truco óptico, asistimos á desaparición do traumático en forma de camuflaxe, de escamoteo ou veladura. Nas imaxes que seguen non veremos os desperdicios, a inmundicia, a hez, senón o escuro abismo que nos protexe delas: a opacidade que as oculta. Algo que, pola contra, non vai deixarnos tranquilos pois ocorre, como sabía Nietzsche, que «cando miras longo tempo a un abismo, tamén este mira dentro de ti». Ese é o risco -a peaxe?- que o espectador de «Environments» deberá asumir.