Reverter a pirámide de poboación galega é un dos máis serios desafíos que Xunta debe encarar. A solución pasa porque as taxas de fecundidade en Galicia aumenten nos próximos anos; a clave está en como logralo.
O orzamento da Xunta para 2018 reforza as partidas económicas dirixidas a área de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica que aumentan un 8% con respecto ao presente ano ata sumar un montante global de 133,2 millóns de euros. Un dato significativo é que desde a creación da Consellería de Política Social o crecemento acumulado deste departamento autonómico ascende ao 54%, o que pon de manifesto a forte aposta deste Goberno polo apoio ás familias e polo desenvolvemento integral dos menores.
Tarxeta Benvida
A Xunta de Galicia, coa Consellería de Política Social á fronte, aposta por manter a tarxeta benvida que desde o 1 de xaneiro de 2016 ofrece aos 1773 nenos que naceron na provincia de Ourense no ano 2016 100 euros ao mes durante o primeiro ano de vida do bebé para cubrir gastos alimentarios e de farmacia. No caso de familias con poucos recursos a medida amplíase ata os 3 anos. Neste 2017 a Consellería de Política Social decidiu ampliar os artigos que poden comprarse con este cheque, ao incluír os establecementos de puericultura. Esta novidade débese a que os propios beneficiarios expuxeron a opción de que cos fondos poidan adquirirse tamén artigos tan necesarios no primeiro ano de vida dun neno como o berce, a trona, a cadeira de viaxe ou paseo, ou mesmo roupa. Non é o único cambio, xa que tamén se inclúe un novo tipo de beneficiarios, as familias que teñan a un menor dun ano en situación de garda e á espera dunha adopción.
Bono concilia
Ademais, acábase de pór en marcha o bono concilia ou bono coidado, que aposta por un servizo de coidadores en casos puntuais nos que os pais non se poidan facer cargo dos seus fillos, como enfermidade ou unha entrevista de traballo. A contía estará en función da renda per cápita da unidade familiar e dos servizos solicitados, e oscila entre os 250 euros/mes para as rendas máis baixas e os 45 euros/mes para as rendas máis altas.
Casas niño
Tamén propoñen consolidar as «casas niño» que funcionan como gardarías no rural para que todas as familias poidan conciliar. As casas niño constitúen un recurso específico para os concellos galegos de menos de 5.000 habitantes complementario a outras existentes, como a rede de escolas infantís da Galiña Azul, as prazas en escolas infantís de iniciativa social e as concertadas. Na actualidade están en servizo 30 equipamentos destas características distribuídos por toda a xeografía galega e está en marcha unha segunda convocatoria de axudas para a apertura doutras 30 casas niño ao longo deste ano e o que vén.
O Goberno da Xunta de Galicia entende que con estas e outras medidas de apoio á familia e á conciliación -como o incremento das prazas en escolas infantís e das bonificacións no pago da matrícula, así como o aumento do permiso de maternidade ata as 22 semanas para o persoal da Administración autonómica- ser pai ou nai en Galicia ten hoxe máis respaldo que nunca. O obxectivo é xerar o contorno social máis favorable para vivir, formar unha familia e o desenvolvemento integral da infancia.