Ourense abriu as portas do reino suevo coa maior exposición de Europa sobre este pobo, In tempore sueborum, organizada pola Deputación de Ourense, en colaboración coa Xunta de Galicia, o Concello de Ourense e o Bispado de Ourense. Unha mostra que o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, cualificou, no acto inaugural, como “a exposición que sitúa a Ourense á cabeza das grandes mostras que definen a identidade dun territorio, a través da difusión e posta en valor do seu acervo cultural e patrimonial”.
A exposición, que permanecerá aberta ata o 4 de marzo de 2018, exhibe por primeira vez, en tres espazos expositivos: o Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, a igrexa de Santa María Nai e o Museo Municipal, 262 pezas de grande valor histórico-artístico de 39 museos europeos, facendo un percorrido polo tempo dos suevos na Gallaecia medieval do século V. Reúne a colección máis destacada que se ten realizado sobre o mundo suevo, na que destacan xoias e pezas ornamentais dunha princesa sueva, utensilios e figuras artísticas en ouro e prata, vidro, madeira e ámbar, e elementos relixiosos e funerarios.
Tres espazos expositivos
O comisario da mostra, Jorge López Quiroga, explicou que a mostra estrutúrase en tres espazos expositivos, cada un dos cales acolle un bloque temático. Así, o Centro Cultural “Marcos Valcárcel” exhibe pezas que sobre a temática da deconstrución dos bárbaros. A igrexa de Santa María Nai céntrase no proceso de cristianización na Gallaecia da época sueva, e o Museo Municipal permite coñecer o ámbito social e organizativo dos suevos cos galaico-romanos.
In tempore sueborum fai un percorrido polo tempo dos suevos na Gallaecia entre os anos 411 e 585, sendo o primeiro reino medieval de occidente, situado en Ourense. Os 262 obxectos proceden de museos de 10 países: España, Portugal, Austria, República Checa, Hungría, Eslovaquia, Polonia, Bélxica, Francia e Alemaña, e expóñense pezas dun alto valor histórico e artístico, entre as que destacan xoias e elementos ornamentais dunha princesa sueva, e diversos utensilios e figuras artísticas en ouro, prata, bronce, vidro, madeira e ámbar, así como material funerario.
A mostra está recollida nun catálogo no que participaron 60 investigadores, escrito en galego, castelán e inglés, que marca un fito na historiografía sobre o mundo suevo. Ademais está dispoñible na páxina web da mostra: www.intemporesueborum.es, na que se inclúe toda a información sobre a exposición e o catálogo en versión dixital.