A Xunta inviste 74.000 euros.

Un paseo peonil para unir focos turísticos en Cenlle

A Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia, está a traballar no concello ourensán de Cenlle de cara á recuperación do paseo fluvial xunto ao Miño, nunha contorna na que destacan os seus recursos termais e enoturísticos; coas obras quedarán unidos. Esta intervención conta cun investimento de 74.000 euros.

A delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz Mouteira, acompañada do alcalde, Gabriel Alén, supervisaron a execución das obras executadas ao abeiro dun convenio de colaboración asinado entre a directora de Turismo de Galicia, Nava Casto, e o rexedor co obxectivo de recuperar un camiño tradicional, que xa existía con anterioridade ao encoro de Castrelo de Miño, pero que debido á dificultade dos accesos en algúns tramos foi abandonado.

Díaz Mouteira indicou que Cenlle combina a posibilidade de gozar da natureza, dos recursos termais e do enoturismo, “singularidades que esta actuación axudará a aproveitar, pois o paseo fluvial unirá as adegas co Balneario de Laias e a Área Termal de Barbantes que son os tres focos principais de atracción turística de Cenlle”. Ademais, a delegada territorial subliñou que as obras da pasarela peonil permitirán pór en valor a paisaxe característica da comarca ourensán do Ribeiro con viñedos nas beiras do río, camiños tradicionais enmarcados con muros de pedra e bosques de vexetación autóctona moi ben conservada.

Obras
As obras previstas, que respectarán a contorna natural do lugar, recuperarán ditos elementos para o uso e goce dos mesmos por parte dos veciños e os turistas. Ao existir un tramo onde o espazo entre o río e o terraplén do ferrocarril é insuficiente, construirase unha pasarela voada sobre o río, mediante unha estrutura de madeira en harmonía coa contorna.

Marisol Díaz destacou que con esta actuación se potencia a riqueza dos recursos turísticos do concello, entre os que salientou o enoturismo e o termalismo, e a súa capacidade de incrementar os fluxos turísticos, desestacionalizar a demanda e crear unha imaxe de destino de calidade.