O polígono industrial das Coiñás xa loce os primeiros resultados do plan de mellora integral, froito do protocolo de actuación asinado o pasado mes de abril entre a Xunta de Galicia e o Concello de Ourense. Así o puideron comprobar nunha visita realizada esta mañá o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e o alcalde de Ourense, acompañados pola directiva da Asociación de Empresarios do polígono e diferentes autoridades. O obxectivo da iniciativa é mellorar as condicións das empresas que desenvolven a súa actividade nesta infraestrutura.
O investimento ascende a 421.000 euros, destinados á reposición da pavimentación, saneamento, abastecemento, iluminación pública, telecomunicacións e sinalización. En concreto, a urbanización para mellorar o acceso ao polígono polo novo enlace desde a estrada para permitir a entrada e saída do tráfico rodado en condicións de seguridade; mellora da calzada, renovando a pavimentación; actualización da iluminación pública ás novas novas directivas de aforro enerxético; renovación da rede de saneamento, pluviais e abastecemento; mellora do acceso de peóns, con sinalización e ampliando o campo de visualización dos vehículos de tráfico pesado; e actualización da rede de telefonía.
Máis dotación industrial
“Este é un investimento fundamental, que agradezo especialmente á Consellería de Industria e o seu conselleiro Francisco Conde, pola sensibilidade que nos amosaron para entender a importancia e necesidade deste investimento”, dixo o rexedor, que tamén lembrou as 50 novas hectáreas de solo destinada a usos industriais e de servizos que prevé o futuro plan xeral.
O titular de Economía, pola súa banda, puxo en valor a colaboración institucional entre a Xunta e o Concello de Ourense e co tecido empresarial da provincia e as 21 empresas que forman parte do polígono industrial indicando que “a suma de esforzos” fai posible actuacións como a mellora do parque de Coiñás e que a cidade de Ourense se converta nun foco de investimento.
Conde avanzou na visita que a Xunta convocará proximamente as axudas de 2018 da Consellería de Economía, Emprego e Industria para a mellora das infraestruturas nos parques empresariais, ás que destinará preto de 6,4 millóns de euros. “Os concellos emprendedores terán preferencia nestes apoios”, lembrou, “e Ourense mostrou xa o seu interese por adherirse ao programa para colaborar no obxectivo fixado na Lei de implantación empresarial: a captación de novos investimentos para Galicia a través da mellora dos servizos e da fiscalidade”.