A cidade presentou a súa oferta no stand de Galicia.

Ourense amosa en FITUR que é un “destino de moda”

O stand de Galicia da Feria Internacional de Turismo de Madrid foi o lugar para a presentación turística da cidade das Burgas, nun acto que contou con Sergio Pazos como mestre de cerimonias, con Adriana Domínguez como madriña e coas intervencións do alcalde, Jesús Vázquez; da directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro; e do concelleiro de Turismo, Jorge Pumar. Ao remate, o vixente Mellor Chef de Tapas de Galicia, Miguel González Quintela, preparou un pincho especial para o público asistente elaborado con auga de As Burgas.

Os asistentes a FITUR descubriron hai 365 días o “Plan Perfecto” que supoñía visitar Ourense. Ese plan perfecto evolucionou, triunfou e Ourense está de moda. “A Capital Termal de Galicia é un destino á alza, sorprendente e atractivo. Quen o coñece, repite. Quen o visita, recoméndao. Quen o elixe como fogar, como é o meu caso, non o cambia por ningún outro lugar no mundo”, sinalou o alcalde ao inicio da súa intervención.

Ourense está de moda polo seu potencial como destino ideal para escapadas en pontes, fins de semana e como non, en calquera época do ano. Diversificar o turismo tradicional supón unha oportunidade para poñer en valor destinos turísticos como o noso: singular e profundamente conectado cos sentidos. “Ourense saboréase, mírase, escóitase, pálpase e sente na súa máxima expresión. Ourense está de moda porque ten un gran tesouro: un inmenso océano de auga mineromedicinal baixo os nosos pés. Porque somos a Capital Termal de Galicia. Porque esa riqueza poboa as nosas ribeiras do Miño en forma de termas que deixan marabillados a todos aqueles que nos visitan. Ao arrullo dese caudal termal, o relax e o contacto coa Natureza son o noso emblema, coas Burgas como símbolo cume desde hai vinte e un séculos. Porque poucas cidades poden presumir de ter unha infraestrutura termal, e ao alcance de calquera que así o desexe, integrada en pleno Centro histórico”, expresou Jesús Vázquez.