Cando leades estas liñas moitos de vós xa vos enchoupastes de fariña e vistes como romperon as olas. E é que Xinzo de Limia xa celebrou os domingos Fareleiro e Oleiro. E que queda por chegar? Co petardazo o pasado sábado 20 de xaneiro na praza Carlos Casares ás 12 da noite, Xinzo comezou unha voráxine de desenfreo e troula que rematará, para os que cheguen, o 18 de febreiro co Domingo de Piñata.
Despois, a fin de semana do 27 e 28 de xaneiro tivo lugar a colga do meco, e celébrase o Domingo Oleiro. Nestes dous días pediuse a todos os asistentes que vestiran traxes vellos ou carozos e leven apeiros de labranza dos anos 20 e 30, unha aposta que a organización fai para recuperar ese pulo tradicional do antigo Entroido que sobreviviu ata o de agora.
Corredoiro
Na seguinte fin de semana, a do 3 e 4 de febreiro, por fin poderemos admirar o correr das pantallas na primeira carreira do ano, que asombrarán máis aos visitantes que aos veciños. A xuntanza será o domingo ás 12:30 na praza Maior e arredores.
E sen darnos conta entraremos de cheo no corazón do Entroido. Como antesala, o venres día 9 os máis pequenos, xa entrenando para cando sexan mozos, farán un desfile ás 11:30.
Os días seguintes, sábado, domingo e luns, continuará sen parar a festa na rúa a cargo de charangas e orquestras repartidas por toda a vila ata ás 2:30 horas, para que os asistentes gocen da celebración limá.
Dende o Concello piden que a esa hora cese todo o posible o ruido da música exterior.
Desfile
O Martes de Entroido, o protagonista será o desfile a partires das 17:30 horas, acompañado por charangas. Este ano vánse representar as distintas fases do Entroido, para que non sexa un mero desfile de carrozas e comparsas.
Enterro da sardiña
O mércores, 14 de febreiro, os limiáns enterrarán con moita dor a sardiña ás 21 horas, previa procesión dende unha hora antes.
Piñata
E xa como remate final, o domingo 18, de Piñata, ás 17 horas, na praza Maior congregará a todos os entroideiros da provincia que queiran despedir cun pouco máis de festa esta cita.