A exposición “In tempore sueborum”, en dous meses desde a súa apertura, foi visitada por máis de 18.000 persoas, nos tres espazos expositivos nos que se exhibe: o Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, a igrexa de Santa María Nai e o Museo Municipal. A mostra amplía o prazo de apertura ao público ata o vindeiro 6 de maio.
Nestes primeiros 70 días foron máis de 3.500 persoas as que participaron nas visitas guiadas e ducias de centros escolares galegos. O maior número de visitantes e seguimento a través das redes sociais contabilízase en Galicia, Madrid, Cataluña e Castela e León, e no ámbito internacional os países máis destacados son Reino Unido e Portugal. Desta maneira, “In tempore sueborum” multiplicou por catro as cifras de impacto do seu primeiro mes, acadando unha audiencia acumulada que supera os 4 millóns de persoas, “un alcance incrementado notablemente trala presentación realizada na Feira Internacional de Turismo de Madrid (Fitur)”, expresou o presidente da Deputación, Manuel Baltar.
Á ampla lista de personalidades que visitaron ata o de agora “In tempore sueborum” sumarase o mércores da vindeira semana a embaixadora de Polonia en España, Marzenna Adamczyk, cuxo país participa na exposición cunha peza de importante valor histórico-artístico: o caldeiro con bustos de suevos de Czarnòwko, do Museo Leborku.
“In Tempore Sueborum” reúne por primeira vez o maior número de pezas da época do primeiro reino suevo de occidente, localizado en Ourense, no territorio da Gallaecia (411-585), amosando un total de 262 elementos procedentes de 39 museos de 10 países: España, Portugal, Austria, República Checa, Hungría, Eslovaquia, Polonia, Bélxica, Francia, Alemaña. Os tres espazos expositivos da cidade de Ourense están organizados segundo as temáticas: o Centro Cultural “Marcos Valcárcel” abrangue a deconstrución dos bárbaros; a Igrexa de Santa María Nai acolle o proceso de cristianización na Gallaecia da época sueva, e o Museo Municipal amosa o ámbito social e organizativo dos suevos cos galaico-romanos.