O Auditorio Municipal de Ourense acolle este sábado 3 de marzo, ás 20,30 h. a estrea de Sénior, un espectáculo teatral no que os televisivos Luís Iglesia e Marcos Orsi abordan en clave de humor a crise dos cincuenta. Esta produción de Culturactiva é unha das 31 actuacións na cidade das Burgas da nova carteleira semestral da Rede Galega de Teatros e Auditorios, o circuíto de espectáculos xestionado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Educación en colaboración cuns corenta espazos de toda Galicia.
O Auditorio Municipal e o Teatro Principal son os escenarios ourensáns que acollen esta programación na que a Xunta fai un investimento conxunto co Concello de preto de 59.000 euros para as funcións do Auditorio e coa Deputación Provincial, de 21.000 euros para as actuacións no Principal.
Sénior aproveita a química que o seu dúo protagonista amosara na popular serie Matalobos, cambiando aquí a acción polo humor nun texto de creación propia dirixido por Avelino González, gañador de cinco premios María Casares. Así, partindo de situacións cotiás e de anécdotas comúns a quen pasa dos cincuenta anos, rinse do que chaman “dilemas do sénior”: “Visto como meu fillo ou como meu pai? Haberá cadeiras nese concerto? Como estarei mañá se tomo outro gin-tonic?”
Previamente, este mesmo xoves, 1 de marzo, a Rede achega ao Auditorio Municipal a coprodución de A Panadaría co Centro Dramático Galego Elisa e Marcela. Humor, música e un esixente traballo actoral mestúranse nesta proposta inspirada na historia real de dúas mulleres que casaron na Coruña a comezos do século XX, converténdose no primeiro matrimonio homosexual do Estado.
Programación do semestre
A de Sénior non é a única estrea que terá lugar en Ourense dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios, xa que o 28 de abril Traspediante representará por primeira vez o espectáculo de danza Plastic, unha viaxe emocional que traslada ao presentes as ideas referenciais da historia da arte, xogos luminosos e transposicións.
E entre as novidades teatrais desta temporada, tamén pararán na cidade das Burgas os espectáculos Casa O’Rei (22 de marzo), o espectáculo co que Ibuprofeno Teatro completa a súa triloxía gastronómica, e O servidor de dous amos (17 de marzo), adaptación a cargo de Talía Teatro do clásico de Carlo Goldoni.