Haberá, tamén, carreiras para escolares e unha proba de 7 quilómetros.

Máis de 250 atletas participarán na VI media maratón do Carballiño

O Club Atletismo Carballiño organiza este domingo, 4 de marzo, e o próximo sábado, 10 de marzo, dous eventos deportivos de gran transcendencia deportiva. Trátase da VI Media Maratón Carballiño, e da ultramaratón Carballiño-Santiago.

Ambas probas foron presentadas hoxe polo concelleiro de Educación e Cultura, Diego Fernández, e o presidente do Club Atletismo Carballiño, Fernando Guerra.

Na VI Media Maratón hai incritos 260 atletas. A proba comezará ás 10,30 h., e a entrega de trofeos terá lugar aredor das 13 h O circuito, de 7 km., comeza e remata na avenida do Balneario, fronte ao auditorio municipal Manuel María. É un circuito cun tramo urbano e outro polo parque municipal.

Ultramaratón
A ultramaratón Carballiño-Santiago, de 102 km sairá o sábado 10 de marzo, ás 7 da mañá, da praza da Veracruz. Hai xa 86 persoas inscritas procedentes de toda Galicia, Portugal e comunidades como Asturias, Madrid, País Vasco, Andalucía e Cantabria, entre outras. O récord desta proba está en 10 horas e 2 minutos, que conseguiu o campión do pasado ano, e que repetirá nesta terceira edición.

O presidente do Club Atletismo Carballiño, Fernando Guerra, dixo que ambas probas colocaban á vila do Carballiño no mapa das grandes competicións de atletismo de Galicia, e que a ultramaratón estase consolidando entre as poucas probas deste tipo que hai en España.