Dakidarría será outro dos pratos fortes da RomeríaRock Arenteiro, que terá lugar o próximo 26 de maio no Carballiño. A promotora Telecaster Events acaba de confirmar que os galegos non só acompañarán ao Ultimo Ke Zierre e Nube Kingston no escenario Estrela Galicia do Parque Municipal; senón que ademais presentarán en primicia o seu novo traballo de estudo titulado “Lume”.
O director do festival, Diego Fernández, destacou o feito de que Dakidarría elixise a RomeríaRock Arenteiro para promocionar o seu novo disco. “Convertéronse un referente a nivel peninsular e limitarán moito a súa presenza en Galicia, debido a que teñen preparada unha extensa xira polos principais festivais, por iso estamos encantados de contar con eles para a RomeríaRock Arenteiro”.
Dakidarría é unha banda formada por oito músicos que fusionan ska, reggae e punk-rock e que aposta pola enerxía e a festa, encima e debaixo do escenario. O espírito da banda céntrase no traballo constante en todos os aspectos, o cal lle permitiu desenvolver unha frutífera e longa traxectoria profesional. De feito, nos últimos anos presentaron o seu proxecto e os seus cinco discos ao redor de toda a xeografía peninsular e parte de Europa e México. Actualmente o grupo atópase inmerso na gravación do seu novo traballo de estudo » Lume» e do seu respectivo videoclip, que se presentará de forma oficial próximamente.
Desde a organización convidan a todo o mundo a participar no festival, que conta co respaldo do Concello, Estrela Galicia e Gadis. “Trátase dun festival familiar e diúrno, no que non faltará a gastronomía, a veneración ao rock e a mellor cervexa”.