Unha decena de escritores participan na segunda edición da feira.

A Feira do Libro do Lázaro de Verín contará con sete librarías

Terá lugar entre o 16 e o 18 de marzo e contará, entre outros, coa presenza de Xosé Carlos Caneiro, Elena Gallego ou Gerardo Dasairas a segunda edición da Feira do Libro do Lázaro.

A presentación oficial da Feira do Libro que se celebrará na vila contou coa asistencia de Gerardo Seoane alcalde de Verín, Mª Luz Fernández Quintas Xefa Territorial da Conselleria de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de Ourense e José Manuel García, Presidente da Agrupación de Libreiros de Ourense.

O alcalde da vila Gerardo Seoane mostrouse satisfeito de contar este ano cunha nova edición da Feira do Libro despois do éxito acadado na edición anterior enriquezendo deste xeito o programa de actividades das Festas do Lázaro. Dentro do amplo abanico de actividades da Feira do Libro, Gerardo Seoane quixo destacar a presentación de dúas importantes obras recentemente editadas polo Concello de Verín, por unha banda o libro José García Barbón Soa, Mecenas e Filántropo de Verín, escrito por Gerardo Dasairas e por outra, a primeira colección reeditada dos libros de Taboada Chivite. “Desde que entramos no goberno propuxémonos o firme obxectivo editar e facer accesible á poboación unha colección de obras que consideramos son de especial relevancia para o noso concello, mostra desta iniciativa temos estas obras presentadas no marco da feira do libro”.

Por outra banda a Xefa Territorial Mª Luz Fernández quixo deixar constancia da implicación da Xunta de Galicia neste proxecto no que as novidades editoriais sairán de novo á rúa en 16 concellos galegos (este ano incorpórase Sanxenxo) para achegarlle á cidadanía o libro e a lectura. Refórzase con iso a dinamización do comercio editorial e facilita o dar a coñecer a creatividade e a calidade literaria galega actual recoñecendo o traballo e o esforzo que leva a cabo todos os anos neste proxecto a Federación de Librarías de Galicia.

Dende a Xunta de Galicia destácase ademais que este é un ano no que se conmemoran aniversarios tan importantes como: O cincuentenario de “A Galiña Azul” de Carlos Casares, o noventa aniversario de de “De catro a catro” de Manuel Antonio e no que as Letras Galegas conmemoran a vida e obra de Maria Victoria Moreno.

Así mesmo o Presidente da Agrupación de Libreiros José Manuel Garcia comunicou que a inauguración Oficial da Feira terá lugar o venres dia 16 ás 19,30 h. co pregón da escritora Elena Gallego e destacou un programa que contempla numerosas actividades como presentacións de libros e encontros con escritores. Como homenaxe a Vitoria Moreno, cabe destacar o lema que estará presente en todas as Feiras do Libro, que é “Ler sen fronteiras”.

A Feira estará ubicada na Praza da Merced, en horarios de 18 a 21 h (venres 16), e de 10,30-14,00 h. e 16,30-20,30 h (sábado e domingo).

Programación
Día 16. Venres
– 19.30 h Inauguración da Feira. Pregón a cargo de Elena Gallego. Actuación da Banda de Gaitas do Concello de Verín.

Día 17 Sábado
– 12:00 h Rocío López asina Olvídate del Cielo e Ladrona de Vidas na caseta da Libraría Monterrei.
– 12:30 h Preséntase José García Barbón Sola, Mecenas e Filántropo de Verín, de Gerardo Dasairas.
– 17:00 h Títeres Cascanueces presenta O Gato simple.
– 18:00 h Rocío López asina Olvídate del Cielo e Ladrona de Vidas na caseta da Libraría Monterrei.
– 18:30 h Preséntase O xogo de Babel, de Elena Gallego, por Edicións Xerais. Participa Xosé Carlos Caneiro.
– 19:30 h Falando de libros don Domingo Herbella.
– 20:00 h Preséntase O códice esmeralda de Alberte Blanco, por Ed. Xerais.

Día 18 Domingo
– 12.00 h Preséntase a colección Taboada Chivite de Patrimonio, de Bruno Rúa. Por editorial institucional do Concello de Verín. Participa, Xesús Taboada Cid.
– 13:00 h Un Bocadillo de… Banda deseñada, con Aurora López.
– 18:00 h Preséntase Abismo de Pablo José López Morales, por Editorial Círculo Rojo. Pilar dos Sanjos.
– 19:00 h Poesía sen idade con Servando Barreiro.