A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, presentou o programa do 10º aniversario das 24 horas teatrais e escénicas que reunirá a medio cento de novos talentos no Espacio Xove de Ourense nun espectáculo artístico multidisciplinar que este ano, ademais de servir para a presentación das súas obras, facilitará o intercambio cultural entre xeracións artísticas diversas.
Durante 24 horas, desde o 23 de marzo ás 22,00 horas ata o 24 de marzo á mesma hora, mozos e mozas, artistas emerxentes ourensáns vinculados ao mundo do teatro, da maxia, da música e do baile presentarán as súas pezas en público nun entorno de altruísmo artístico. Este décimo aniversario está inspirado nunha actividade semellante que se celebra en Edimburgo, aínda que orientada ao sector profesional. “Neste caso propoñemos xuntar afeccionados e profesionais para que Ourense sexa, xunto con Edimburgo, un referente único e artístico durante unhas horas”, explicou Cecilia Vázquez.
A directora xeral presentou a iniciativa no Espazo Xove acompañada por Fernando González, actor socio fundador de ilMaquinario Teatro, compañía ourensana, e nomeado este ano ao premio María Casares na categoría de mellor actor non protagonista por Resaca, a máis recente peza da compañía. Tamén estiveron outros representantes de grupos e asociacións culturais da cidade, como Abran Paso, Marañao, Olobú ou Teatrino.
Cecilia Vázquez sinalou a importancia de celebrar este décimo aniversario “polo que significa de consolidación desta iniciativa que cada ano permite aflorar o amplo abano de talento cultural que agocha a cidade ourensana nun espazo temporal de creación e interrelación escénica entre afeccionados da arte e da cultura”. Así mesmo, destacou como o Espazo Xove se converte por un espazo de 24 horas no centro neurálxico da creación cultural da cidade.
Durante esta celebración, ofertarase, ademais, a posibilidade de participar nun match de improvisación a todas as persoas interesadas en experimentar por primeira vez un acto escénico, que sentará as bases para a segunda parte da actividade onde actores e actrices, directores e directoras, e autores poderán apuntarse nunha lista para crear pequenas pezas únicas e persoais que se representarán ao día seguinte como epílogo da actividade.
O programa foi presentado no salón de actos onde se expón a mostra Mulleres e arte na que 29 mulleres artistas, pintoras, fotógrafas, escultoras, ilustradoras, escritoras, deseñadoras amosan a súa creatividade.
A iniciativa das 24 horas teatrais e escénicas naceu co obxectivo de fomentar o interese da xuventude en calquera disciplina artística, crear un espazo de unión escénica dos grupos artísticos pertencentes ao Espazo Xove e abrir as portas as novas xeracións para que coñezan as diferentes disciplinas escénicas e poidan comezar a formarse e pór en práctica as súas inquedanzas artísticas.