Durante a Semana Santa.

Ocupación total dos bungalows do Carballiño

Pese á previsión do mal tempo para estes días de Semana Santa, os bungalows do camping municipal estarán todos ocupados durante esta próxima fin de semana. Así mesmo, este venres, abre a Oficina Municipal de Turismo, situada na Alameda, e mantén o programa anunciado de visitas guiadas para o xoves, venres, sábado e domingo, se ben poderá sufrir algunha modificación, dependendo das condicións meteorolóxicas e do número de persoas interesadas.

A oficina municipal de Turismo permanecerá aberta ao público en horario de 10 a 14 h. e 16 a 20 h., de xoves a sábado, e de 10 a 14 h., o domingo, a oficina estará aberta para facilitar aos visitantes canta información precisen sobre actos e actividades de ocio e lecer, así como dos balnearios, hoteis e restaurantes.

As visitas e rutas guiadas son as seguintes:
– ROTEIRO PARQUE MUNICIPAL E GRAN BALNEARIO
Xoves, 29 de marzo. Hora: 17:15 h. Duración: 1.30 h. Inclúe a visita ao Parque Municipal e ao Gran Balneario.
– ANDAINA ROTEIRO DOS ARRIEIROS
Venres, 30 de marzo. Hora: 17:00 h. Data límite para anotarse 14:00 h (mínimo 5 persoas). Distancia: 9 Km. Dificultade: Media-Baixa.
– PERCORRIDO POLA VILA
Sábado, 31 de marzo. Hora: 12:00 h. Duración: 1.30 h. Percorrido: Praza Maior, Rúa Principal, Barrio de Flores, Alameda, Templo da Veracruz.
Os balnearios e hoteis tamén ofertan servizos e estancias durante os días festivos desta Semana Santa. A ampla variedade tanto de servizos termais coma de aloxamento e manutención, pode consultarse nas páxinas web do Balneario das Caldas de Partovia e Gran Balneario, así como nos hoteis.