Allariz inicia a conta atrás para a celebración da Festa do Boi 2018 que terá lugar entre o 26 de maio ao 3 de xuño. Integrantes da Asociación Cultural Xan de Arzúa, encargados da organización da Festa, acompañados pola Tenente de Alcalde, Cristina Cid, presentaron as novidades referentes á programación.
Durante 9 días desenvolveranse preto de 70 actividades. Música, teatro, actividades infantís, encontros populares e, por suposto, as carreiras do boi centrarán, un ano máis, a programación festiva.
17 carreiras do boi centrarán a programación da Festa do Boi 2018. O comezo das carreiras será anunciado con 6 bombas de palenque e unha soa avisará da súa fin. Dende a Asociación Xan de Arzúa recordan a importancia de seguir os consellos expostos no programa, así como nas entradas das rúas ao casco histórico, por onde se desenvolven as carreiras.
A Asociación Xan de Arzúa aposta polo carácter cultural e histórico da festa potenciando actividades como a procesión medieval na que participan, este ano, 21 gremios, dous máis que o ano pasado. Arredor de 600 persoas ataviadas cos seus respectivos traxes representan a orixe da Festa do Boi.
Os nenos e nenas terán o seu espazo na Festa coa programación de actividades como as carreiras de boi infantís, o espectáculo de monicreces montado polos centros de ensino de Allariz ou o pistaboi.
A música, como é habitual, terá unha importante presenza na Festa contando con grupos de gaiteiros, charangas e orquestras, e os tradicionais Zés Perreiras, entre outros.
Financiamento da Festa
A Festa do Boi conta cun orzamento de 75.000 euros, sufragado pola achega voluntaria dos veciños e veciñas, comerciantes e hostaleiros de Allariz aos que porta por porta se lles pide contribución.