Trala firma dun convenio entre a Consellería de Cultura e o Concello de Celanova.

A ponte Pedriña de Celanova será reformada

O conselleiro Román Rodríguez, asinou un convenio de colaboración co alcalde de Celanova, José Luís Ferro, a través do cal o departamento de Cultura, da Xunta de Galicia, encárgase de acometer as obras de restauración da ponte Pedriña.
Neste acondicionamento a Consellería investirá un total de 130.000 euros na súa consolidación estrutural. Os traballos, que terán unha duración estimada de cinco meses, inclúen a limpeza da vexetación e un estudo xeotécnico que achegue datos sobre o tipo de terreo de asento e composición da cimentación do arco, co fin de deseñar a proposta de obras de consolidación e reparación máis axeitada. Así mesmo, restituirase o pavimento da calzada e os peitorís, e canalizaranse as tubaxes de servizos que están colgadas na ponte.

Pontes Históricas
Incluída no Inventario de Pontes Históricas de Galicia, a ponte Pedriña, sobre o río Orille, une as parroquias de Orga e Mourillóns, no concello de Celanova. A fenda que presenta na súa bóveda fai necesaria unha actuación de consolidación da súa estrutura como a que agora se vai levar a cabo.

Entrimo
Tamén se repararan os danos na fábrica e a mellora da impermeabilización da calzada da ponte do Casal, en Entrimo. Cultura fará unha achega de 15.000 euros para tal fin. A súa construción está datada entre os séculos XVIII e XIX.
Outra actuación que se acometerá na provincia por parte de Cultura será o acondicionamento do Mosteiro de Montederramo cunha inversión de 435.000 euros. Mellorarase a accesibilidade ademais de acometer outras accións.