O Vinteún acolle este 22 de abril a primeira das probas.

Pistoletazo de saída do VIII Correndo por Ourense

Oito anos van desde que se creou o circuíto de carreiras populares “Correndo por Ourense”. Desde entón, a cifra de participantes non parou de medrar ata superar os 1.500 do ano pasado. Para esta oitava edición manterá o formato das anteriores. Disputaranse seis xornadas -con catro carreiras- en seis barrios da cidade. O Vinteún dará o pistoletazo de saída o domingo, 22 de abril; como todas as que se celebren en domingo dará comezo ás 12 horas coa de pitufos e rematará ás 12.30 horas coa absoluta.

En maio será o turno da do Couto, única que se celebrará en sábado, o día 26 a partir das 22 horas. O 24 de xuño chegará a do Centro e o circuíto sofrirá un parón ata despois de agosto. En setembro, dúas citas: a da Universidade (As Lagoas), o día 9, e a da Ponte, o 30. As rampas da Carballeira porán o punto e final a esta edición o día 21 de outubro, como preludio da carreira do San Martiño no mes de novembro.

Todas as carreiras son asequibles para calquera que queira anotarse a elas. Cada xornada haberá unha carreira de pitufos (en torno aos 100 metros); unha para benxamíns e alevíns, sobre 1.000 – 1.500 metros; unha infantil e cadete, con distancias entre os 2 e 3 km; e unha absoluta, con distancias que irán dos 5.600 metros aos 6,4 quilómetros.

O Vinteún
Nesta primeira cita, a do Vinteún, os benxamíns e alevíns darán unha volta pequena ao circuíto para completar 1.500 metros; os infantís e cadetes darán unha volta grande para facer 2.400 metros; e os de categoría absoluta completarán tres voltas para percorrer seis quilómetros.

Inscricións
As inscricións para esta primeira proba están abertas ata o mércores 18 de abril na web championchipnorte.com. O prezo da inscrición é de 7 euros (os de categoría absoluta, o resto é de balde) e permite correr nas seis carreiras. As inscricións volven a abrirse o luns seguinte á última carreira disputada e ata o mércores anterior á seguinte. Para entrar nas clasificacións finais cada corredor deber participar en alomenos cinco das seis carreiras.

Muller
O papel da muller no deporte cada vez é máis notorio e no “Correndo por Ourense” este dato reflíctese en que o incremento de mulleres participantes neste evento incrementouse nun 34%.