A “Xurés Experiences 2018” é unha iniciativa na que se unen os concellos da Baixa Limia para promover natureza, deporte e gastronomía, e que conta coa colaboración da Deputación de Ourense.
As actividades, que se desenvolverán ao longo do ano, como xa se fixo na edición de 2017, abranguen probas de diferentes disciplinas deportivas como BTT ou rutas de sendeirismo, actividades deportivas conxuntas, e eventos gastronómicos, tódolos eles programados en diferentes datas para potenciar a comarca no seu conxunto.
O presidente da Deputación, entidade que colabora na iniciativa, Manuel Baltar destacou o traballo de cooperación dos municipios de Bande, Entrimo, Lobeira, Lobios e Muíños, “e a súa visión integral de comarca para potenciar a riqueza turística, natural, histórica, termal e deportiva desta contorna”, e felicitounos afirmando que este labor de cooperación municipal “é un claro exemplo a seguir porque contribúe a facer comarca e provincia”.
Esta fin de semana será a quenda para a proba cicloturista “Ourense Strade Termal”, “un evento único en España, que fixa a súa mirada no Xurés”, expresou Baltar, e nese sentido o alcalde de Muíños, Plácido Álvarez, dixo que “Xurés Experiences” “pon en valor e potencia os recursos da nosa comarca e atrae visitantes á Baixa Limia”.
Calendario
No calendario deportivo, hai actividades conxuntas como a Ruta da Loba (28 de abril) ou o Gran Fondo Xurés (27 e 28 de outubro) entre os municipios de Bande e Lobeira. A Aquabike Xurés Baixa Limia, entre os concellos de Bande e Muíños a primeira quincena de outubro. E, ademais da “Ourense Strade Termal”, Lobios e Muíños acollerán o 16 de setembro o II Trail do Lobo Muíños-Lobios. Tamén, ao longo do ano os concellos acollerán eventos de diferentes disciplinas deportivas como andainas, xogos populares e regatas de piragüismo.
No relativo ás celebracións gastronómicas, “Xurés Experiences 2018” inclúe a XLVII Festa do Peixe de Bande, os días 25, 26 e 27 de maio; a Mostra de Degustación de Produtos Típicos de Lobeira, o día 19 de maio; a XV Festa de Exaltación da Empanada de Forquellas e Cachena da Serra do Quinxo en Entrimo, o día 3 de xuño; a celebración da XXX Sopas do Burro Canso, XIV Galo Pica no chan, II Becerro do Xurés ao Espeto en Muíños, o 4 de agosto; ou a XXI Festa dos Callos Limiaos en Lobios, o 19 de agosto.