O circuíto de carreiras populares ourensán pon en marcha a súa oitava edición este domingo, 22 de abril, no barrio da Ponte.
Roberto Abad é o coordinador do circuíto de carreiras populares “Correndo por Ourense”, unha cita que en seis xornadas, ao longo de cinco meses, reúne a milleiros de atletas ourensáns.
Oitavo ano do “Correndo por Ourense”, unha proba totalmente asentada no calendario deportivo da cidade?
Roberto Abad: “Si, unha proba totalmente consolidada coa que o Consello Municipal de Deportes cumpre cun dos seus obxectivos que é fomentar e promocionar a práctica do deporte e a actividade física entre os veciños da nosa cidade”.
1.500 participantes na última edición indican a boa saúde desta iniciativa.
R.A.: “A realidade dinos que temos que convivir cun calendario cada vez máis masificado de eventos deste tipo ao longo de toda a xeografía, non só da nosa autonomía, senón tamén nacional. Hoxe os runners habituais e os populares contan cunha oferta de carreiras moi ampla, practicamente cada fin de semana teñen algunha proba, polo que deben ser moi selectivos se non queren incorrer en lesións ou sobreadestramento. En liñas xerais estamos contentos coa convocatoria nesta proba, xa que nos últimos catro anos a participación aumentou un 11%”.
Como cada ano seis probas en seis barrios da cidade. O afeccionado ao atletismo xa sabe onde ten nestes meses cada proba. Xa esperan as carreiras con ganas.
R.A.: “A xente quere e necesita facer deporte. Ao apostar por un circuíto distribuído en cinco meses, ao longo do ano, o que se pretende é que os veciños dos nosos barrios practiquen actividade física de maneira regular, non só o día en que a “festa deportiva” chega ao seu barrio. Queremos traspasar este límite, e inculcar na xente un verdadeiro hábito que os acerce a unha vida máis saudable”.
É un evento para calquera persoa que estea minimamente preparada?
R.A.: “Si, é un circuíto de carreiras cuns obxectivos moi alcanzables. Estamos a falar de probas que roldan de media os 6.000 metros, distancia que para un afeccionado á carreira, non debe supor un esforzo titánico. O que si é conveniente subliñar é que todos aqueles que se pon as zapatillas e bótanse ao asfalto por primeira vez, deberían consultar e valorar cun profesional a súa aptitude e nivel de condición física”.
Moitos participan na proba do seu barrio para correr diante dos seus familiares e veciños. Crees que cada vez máis xente anímase a correr noutros barrios que non sexa o seu?
R.A.: “Creo que é unha motivación moi grande correr na túa “casa”, diante da túa xente, e por iso cada barrio presenta novos candidatos en cada proba. Pero tamén é certo, que o feito de ter que participar en cinco das seis probas que configuran o circuíto para optar á clasificación final, obriga a que estea presente un groso núcleo de corredores”.
O incremento da participación feminina é destacable. É un dos motivos de máis orgullo da organización?
R.A.: “Estamos nun ano de visibilización do deporte feminino, e en colaboración coa Concellaría de Igualdade, estamos a levar a cabo varias iniciativas neste sentido. Como dato destacable, dicir que a participación feminina subiu nos últimos catro anos un 3%, e que de todos os chegados na edición do ano pasado, un 34,22% eran mulleres. Estamos moi satisfeitos con estes datos, e queremos seguir mellorándoos”.
O papel dos voluntarios é necesario. Que hai que facer para anotarse como tal?
R.A.: “O papel dos voluntarios non é necesario, é vital. Estamos moi agradecidos a todos aqueles que de maneira desinteresada colaboran co CMD para facer realidade este e outros proxectos deportivos. É moi importante, e desde aquí facer un chamamento, a todos aqueles que queiran colaborar que deben inscribirse na Concellaría de Voluntariado para estar cubertos polos seguros pertinentes”.
Crees que este circuíto é ideal para facer unha preparación constante no tempo de cara a unha das mellores carreiras de Galicia, a San Martiño?
R.A.: “Totalmente de acordo. Un dos principios metodolóxicos fundamentais do adestramento é a repetición ou continuidade para a mellora do rendemento. As motivacións da xente para realizar estas probas son múltiples, desde aumentar a capacidade de rendemento, con vistas a preparar a San Martiño e outras probas, ata a simple participación con fins lúdicos e/ou recreativos, para o que en calquera caso, é necesario adestrar de maneira regular e constante”.