O Concello de Verín deu comezo coa quinta fase do Plan de Rehumanización da vila co inicio de varias obras simultáneas.
A reforma da praza do Concello (coas tarefas de demolición da fonte); a construción de dous, dos oito, novos puntos de recollida de lixo situados en ambos os accesos ao aparcamento libre disuasorio 8 (zona centro); a construción dun pequeno parque no barrio de San Roque; e a construción e acondicionamento de varias beirarrúas na avenida de Vilela, na rúa Otero Pedrayo e na avenida de Laza son algunhas das actuacións inmediatas incluídas nesta fase do plan destinadas a modernizar a trama urbana da cidade, renovar o medio ambiente e mellorar as infraestruturas.
As tarefas de mellora abranguerán tamén a culminación das reformas das avenidas de Castilla e Portugal, a recuperación da contorna de balneario de Sousas, a construción e acondicionamento de varias beirarrúas da vila, entre outras.
Convenio
Son 22 traballadores os que realizarán as obras, grazas ao convenio asinado pola concellería de Recursos Humanos e Réxime Interior do Concello de Verín, dirixida por Rosario Rodríguez Delgado, e o INEM. Este convenio permite que os seleccionados perciban unha retribución lixeiramente superior á prestación por desemprego que lle corresponde sen perder os beneficios sociais da súa cotización á Tesourería que, ao ser sufragada polo Instituto Nacional de Emprego (INEM), suponlle un importante aforro ás arcas do Concello.