Un total de 1.108 persoas participarán este domingo no primeiro dos circuítos de carreiras populares “Correndo por Ourense”, que terá lugar a partires das 12 horas polas rúas do barrio do Vinteún. Así o confirman os datos da organización tras o peche, o pasado mércores, das inscricións para participar na primeira das probas que percorrerán seis barrios da cidade entre abril e outubro.
O maior número de participantes (598) están inscritos na categoría absoluta para as persoas nacidas no ano 2002 ou anteriores. A súa saída está prevista para as 12:30 horas e percorrerá unha distancia total de 6.000 metros.
Na categoría de pitufos (nenos e nenas nacidos dende 2011), están apuntados un total de 252 participantes, que comezarán a súa carreira ás 12.00 horas. A distancia que percorrerán é de 100 metros.
Nas categorías de benxamín sub10 e de alevínsub12 están inscritas un total de 176 persoas que realizarán un traxecto de 1.500 metros e que terán a saída ás 12:05 horas.
En infantil sub14 e cadete sub16 están apuntados 75 atletas, que percorrerán 2.400 metros a partires das 12:15 horas. Na categoría Xuvenil Sub18 están apuntadas sete persoas que percorrerán 6.000 metros dende as 12,30 horas.
A saída estará situada na rúa Madre Soledad. O circuíto completo percorrerá a rúa Madre Soledad, avenida de Santiago, rúa do Vinteún, Río Corzos, Río Mao, Río Cobas, Río Camba, avenida de Santiago, rúa do Vinteún, Río Corzos e remata no punto de saída na rúa Madre Soledad.
O prazo para apuntarse a esta proba pechouse o pasado mércores e da dereito a participar no resto de carreiras. A partires de luns volve abrirse o prazo para os que queiran sumarse ó resto de probas. Todos os mércores anteriores a cada proba cerrase o prazo ate despois da carreira por motivos organizativos. As persoas interesadas poden realizar a súa inscrición a través da páxina web www.championchipnorte.com, a un prezo de 7 euros para as categorías junior, promesa, sénior e máster, sendo gratuíta para as demais categorías.
A recollida presencial dos chips e dorsais realizarase este sábado, 21 de abril, no Pavillón dos Remedios entre as 10 e as 20 horas. Con carácter extraordinario poderase recoller na secretaría da primeira competición na que se participar dende 90 minutos ate 30 minutos antes de que comece a primeira proba.