O club realizará un acto, o 28 de abril, para conmemorar o aniversario.

60 anos de CD Arenteiro

Club Deportivo Arenteiro quere celebrar por todo o alto o 60 aniversario da creación do club, e por iso ten previsto desenvolver un programa de actos que terán lugar o sábado, 28 de abril. Este programa foi presentado polo alcalde do Carballiño, Francisco Fumega; o concelleiro de Deportes, Manuel Dacal; o presidente do club, Xan Fernández Pinal; o vicepresidente, Manuel Sotelo; e Paco Cachorro.

Programa
Ese día, ás 12:30 h., inaugurarase na casa do concello unha exposición fotográfica e de material histórico de C.D. Arenteiro, que consta de oito paneis. Esta exposición permanecerá ata o 4 de maio, e a partir desa data colocarase de forma permanente no túnel da entrada de Espiñedo.

Ás 13 h. desenvolverase no salón de plenos do concello un acto institucional ao que están invitados todos os afeccionados que queiran asistir, ademáis de autoridades, xogadores e directivos. Neste acto estrenarase o Himno do 60 aniversario do club, con letra de Emilio Rodríguez e música de Cristian Casas, que será interpretado polo Orfeón do Carballiño.

Ás dúas da tarde terá lugar un xantar de confraternidade no restauraunte A Fuchela, para o que xa están á venda as tarxetas ao prezo de 25 euros, que se poden adquirir ata o xoves, 26 de abril, no propio restaurante.

E pola tarde, ás 16:30 h. a TVG retransmitirá íntegramente dende o estadio de Espiñedo o encontro correspondente á xornada 35, que disputarán C.D. Arenteiro e C.D. Boiro. Neste partido, o Arenteiro lucirá unha camiseta conmemorativa deste aniversario, que foi deseñada cunha clara evocación á camiseta dos primeiros anos de C.D. Arenteiro, o que se percibe, sobre todo, no escudo.