Abriu as súas portas a mostra “110 Anos do Tranvía de Verín: Exposición conmemorativa” na Sala de Exposicións de Verín. Durante o acto, Paco Boluda e Manuel Hernández, membros da Asociación Carrileiros (entidade responsable da investigación que fixo posible a exposición), fixeron entrega de sendos fragmentos da vía orixinal do tranvía ás entidades organizadoras do evento ( Concello de Verín, Biblioteca Municipal, Sociedade Antropolóxica Galega e Augas de Cabreiroá), a modo de elemento conmemorativo da celebración do 110 aniversario do Tranvía Verín – Cabreiroá.
Nesta exposición, os autores da investigación Francisco Boluda e Manuel Hernández (membros da Asociación Carrileiros) fan un percorrido pola historia do singular tranvía de tracción animal que unía Verín co Balneario de Cabreiroá nas primeiras décadas do século XX. A mesma, está composta por distintos paneis deseñados por Paco Boluda. Devandita mostra estará aberta ao público ata o 18 de maio.
Conferencia: Un tranvía que fixo historia»
Así mesmo, dentro dos actos conmemorativos, terá lugar a conferencia que leva por título «Un tranvía que fixo historia», que será impartida o 27 de abril, ás 19:30 horas, por Paco Boluda, no Auditorio Municipal de Verín.
Os asistentes o evento terán ocasión de transportarse (por medio da proxección de fotografías, planos orixinais e súa exposición oral) a unha viaxe á memoria de Verín nos anos de apoxeo da actividade balnearia na nosa comarca. Os autores ofrecerán a oportunidade de coñecer a fondo a historia e características da liña, a súa infraestrutura, as dependencias para o mantemento do tranvía e do tiro, ou os distintos tipos de vehículos utilizados para o transporte de viaxeiros e mercadorías.