O Ensemble Praeteritum achega a música do barroco a Ourense na cita do mes de maio co Enclave de Cámara. O conxunto instrumental actuará o xoves 3 maio ás 20.30 horas no Teatro Principal, con entradas entre 5 e 8 euros. Entradas online á venda en www.ataquilla.com e na billeteira do teatro dúas horas antes da función.
A Ourense chegan coa versión “senza fine” das Catro Estacións de Vivaldi. Unha das obras que maior percorrido tivo na música e que serviu para que, mediado o século XX, grupos de cámara comezasen a difundir as músicas do barroco. Na versión que propoñen para Ourense, e acorde coas praxes interpretativas da época de Vivaldi, cada estación e movemento están ligados entre si con cadencias ao violín ou á tiorba, resultando unha obra sen interrupción. Foi esta versión precisamente a obra escollida para a publicación do seu primeiro traballo discográfico no ano 2014 co selo QTV Classics.
Antes do concerto, ás 16 h, os músicos do Ensemble Pablo Suárez Calero (concertino violín), Laura Delgado (violín) e Paula García (viola), participarán no que será o último encontro da tempada con estudantes do Conservatorio Profesional de Música de Ourense. Ao longo deste ano de colaboración co Conservatorio, referentes da música de cámara como Cristina Pato, Nicholas Cords ou o Dúo Cassadó debateron e compartiron a súa experiencia profesional con estudantes, profesores e público xeral.