O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o vicerreitor do Campus de Ourense, Virxilio Rodríguez, presentaron unha nova edición dos cursos de extensión universitaria que entre os meses de xuño e outubro terán lugar en diferentes localidades da provincia. Son seis cursos, con prazas dispoñibles para un total de 350 persoas –cuxa inscrición ábrese hoxe- sobre temáticas que abranguen robótica e electrónica, psicoloxía, medio ambiente, audiovisual, comunicación e alimentación. Impartiranse en Ourense, Muíños, Celanova e Allariz, con actividades tamén en Cuntis e A Estrada.
Manuel Baltar destacou na presentación “a calidade e a posta en valor das características da nosa provincia, que teñen estes cursos”, e subliñou “que esta é unha mostra máis da excelente cooperación institucional entre a Deputación e o Campus de Ourense”, salientando o labor que ten desenvolvido o vicerreitor Virxilio Rodríguez “porque a súa pegada notouse, xa que o Campus de Ourense é máis grande, máis ambicioso e máis internacional”, sempre co denominador común de “Ourense” nos intereses compartidos entre o ámbito académico e institucional da nosa provincia.
Pola súa banda, Virxilio Rodríguez dixo que nestes cursos de extensión universitaria “materialízase unha idea fundamental: a vocación de cooperación institucional e á de servir á sociedade ourensá”, remarcando que estas accións formativas “están abertas a todo o público en xeral, non só ao universitario; o obxectivo é que as persoas que o desexen poidan formarse e aprender aproveitando o seu tempo de lecer”.
Os cursos enmárcanse no convenio de colaboración asinado entre a Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo e son os seguintes: Parentalidade Positiva e Mediación Familiar (30 horas, do 4 ao 6 de xuño); Experto en prototipado con ferramentas 4.0: proxectos robóticos, electrónicos e microinformáticos (60 horas, datas de xuño e xullo); Retos e perspectivas para a conservación do medio ambiente no século XXI (32 horas, do 6 ao 8 de xuño); A narrativa audiovisual do presente: camiños, formatos, pantallas (30 horas, do 3 ao 6 de xullo); Educación da voz e do discurso: pedagoxía para unha comunicación (30 horas, do 17 de setembro ao 5 de outubro), e Turismo baseado na cultura da produción tradicional do viño, a cervexa e a sidra (50 horas, do 26 ao 28 de setembro).
Os prezos dos cursos van desde os 6,50 ata os 50 euros. Ata cubrir prazas haberá transporte gratuíto para facilitar a asistencia aos cursos que se celebren fóra de Ourense, e esta actividade docente ten un recoñecemento de 2 créditos de LE. / 1 crédito ECTS para ensinanzas de grao por cada 30 horas. Asemade, descontarase un 35% ás persoas que pertenzan á comunidade universitaria da Universidade de Vigo. A inscrición está aberta ata os días previos de comezo de cada curso.