O Centro Comercial Ponte Vella foi o epicentro da terceira edición da 15K nocturna de Ourense. Os participantes, que superaron os 200, tiveron que facer un percorrido pola ribeira do Miño ata completar os 15 quilómetros que tiñan a súa chegada nas terrazas de Ponte Vella onde se congregou numeroso público.
Alejandro Fernández (Ourense Atletismo) impúxose ao esprint a Iván Roade (Bikila), en categoría masculina. Alejandro impúxose cun tempo de 49 minutos 57 segundos, un segundo menos que Roade. O podio maculino completouno José Ramón Sánchez (52:10).
En mulleres, Sonia Teijeiro venceu con moita claridade ao parar o crono nunha hora, tres minutos e 13 segundos. Acompañárona no podio as irmás Losada Pérez (Ana Belén e Vicky) que chegaron xuntas a meta (1:08:01). As tres pertencen ao Burgas Atletismo.