En toda a provincia celebran o Día das Letras galegas que este ano está adicado á figura de María Victoria Moreno.
Na capital, a rúa do Paseo será o epicentro das actividades. Contará coa presenza da “ciclobiblioteca” de Anxo Moure, unha actividade que funcionará a modo de biblioteca móbil para que os nenos e os máis novos descubran os libros de María Victoria Moreno. O artista percorrerá na súa bicicleta esta céntrica rúa e invitará os viandantes a ler a obra da homenaxeada.
Ademais o Centro Cultural Ángel Valente acollerá pola mañá diversas actividades dirixidas aos máis pequenos e especialmente recomendadas para un público de tres a dez anos.
Ás 11:30 horas terá lugar o espectáculo “Cantamos un conto?”, a cargo de Luis Vallecillo e a súa banda.
Unha hora máis tarde (12:30 horas) haberá un concerto homenaxe a María Victoria Moreno a cargo do grupo Sonoro Maxín. A actuación terá lugar na rúa do Paseo á altura da Sala Valente.
No Carballiño haberá unha exposición coa traxectoria da homenaxeada. O mércores, 16, obradoiro na biblioteca municipal sobre marcapáxinas e lapiceiro, que terá lugar de 17.30 a 19.30 h., e o sábado, día 19, de elaboración de conizudos, que terá lugar de 10 a 13.30 h.
Tamén o sábado 19, ás 20.30 h., no auditorio municipal, a compañía Malasombra Producións porá en escena a obra “D.E.P. Unha comedia de morte”, que ten ademáis o aliciente de estar coprotagonizada por un actor carballiñés.
Finalmente, a concellería de Educación e Cultura, a través do Servizo de Normalización Lingüística, editou un marcapáxinas de homenaxe a María Victoria Moreno, que xa se comezou a distribuir entre os centros educativos da vila.
Allariz súmase aos actos de homenza de Victoria Moreno cun contacontos a cargo de Iseo Agilda, este xoves 17, ás 12 horas (na Galería Circular). Pola tarde, continúan os contacontos con Pedro Brandariz (ás 18 h na praza Maior). No mesmo emprazamento unha hora máis tarde (19h) terá lugar un acto poético musical. E rematan as actividades co concerto de Zumaque trío, na Fundación Vicente Risco, ás 20.30 horas.
Xinzo arranca este xoves 17 coa Feira do libro galego, desde as 10 ata as 21 h. A venda de libros contará cun 10% de desconto grazas á colaboración dás librerías de Xinzo.
Ás 11:30 h terá lugar a lectura dunha escolma da obra de María Vitoria Moreno coa colaboración de Teatro Aneis.
Ás 12 h procederase á entrega de premios dos concursos da Semana de Carlos Casares convocada polo Concello de Xinzo de Limia xunto á Fundación Carlos Casares.
Ás 12:30 h entregaranse os premios do III Premio Literario de relato curto “Carlos Casares”.
Ás 18 h haberá actuacións de Danza Galega coa colaboración da Escola Municipal de Baile Galego.
E en Verín no auditorio municipal, celebrase este xoves unha gala músico literaria na que se recitarán os poemas gañadores do certame de poesía Xosé Carlos Caneiro Pérez e leranse os traballos gañadores do certame de relato curto Antonio Fernández Pérez.