Será este sábado, 19 de maio, con actividades infantís e dous concertos.

Festa na praza de Abastos do Carballiño

A praza de abastos, en colaboración co concello do Carballiño, organiza este próximo sábado, 19 de maio, unha gran festa na que haberá actividades infantís e concertos, e cuxo lema é «I Festa praza con ritmo”.

O evento comezará ás 5 da tarde na praciña exterior da instalación municipal, recentemente reformada. A esa hora actuará o DJ Tibu, animando aos nenos e nenas con coreografías e olimpiadas populares.
Ás 7 actuará o grupo 4 Mail Quartet Jazz.
E ás 20 horas o fará Roberto Sobrado Group, para presentar o seu novo traballo discográfico: Proletarios do Rock&Roll.

Na presentación do evento, o concelleiro de Promoción Económica, Adolfo Nogueira, sinalou que se trata dunha nova iniciativa encamiñada a seguir promocionando a praza de abastos como lugar de compras pero tamén como lugar de lecer e encontro cultural. Destacou a calidade dos concertos, así como a animación infantil e xuvenil, e asegurou que á praza só lle queda completar os postos vacantes para converterse nunha das mellores prazas das vilas galegas.

Reunión
Ao respecto dixo que nas próximas semanas convocará unha reunión para analizar as posibles propostas de cara á convocatoria do concurso.