O departamento de Servizos Sociais do Concello de Verín, en colaboración coa asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, participa un ano máis no programa de acollida temporal ‘Vacacións en Paz’, que se desenvolve durante os meses de xullo e agosto. O Concello de Verín, que se fará cargo dos gastos de traslado dos menores acollidos, oferta dúas prazas de acollemento para familias residentes no termo municipal.
Verín ven participando nesta iniciativa solidaria dende o ano 2004 ofrecendo ás familias saharauís a posibilidade de que as súas fillas e fillos, desfruten dunha estancia agradable baixo a supervisión e os coidados de familias de acollida no noso concello. Trátase de ofrecerlles a estas nenas e nenos nados no medio dun clima de guerra, exclusión e incerteza geo-polítca, unha posibilidade de coñecer formas distintas de vida, de maneira que iso contribúa, non so na súa formación, senón tamén en mellorar e potenciar a comunicación e o entendemento entre os pobos de España e o Pobo Saharauí.
Estes nenos naceron nos campamentos de refuxiados saharauís situados dende fai máis de corenta anos na zona da Hamada alxeriana en Tindouf, preto da fronteira alxeriano-Saharaui; é dicir, son fillos dos Saharauís que abandonaron os seus fogares ante a represión, invasión e ocupación ilegal por parte de Marrocos do territorio do antigo Sáhara español en 1975. A vida destes nenos, nados no exilio, transcorre nas mesmas circunstancias como o resto da poboación Saharauí, privada do máis elemental e sobrevive dificilmente grazas á axuda internacional.
As familias interesadas en formalizar o acollemento e/ou ampliar información poden dirixirse o Departamento de Servizos sociais do Concello de Verín, ubicado na Avda. de Portugal n.º 11-bis. (Casa da Xuventude) ou chamar ao teléfono 988-414776.