A Consellería do Medio Rural planificou para este ano a realización de 324 charlas e actividades divulgativas a prol do monte galego nas que están a participar uns 17.000 alumnos de centros escolares de toda a comunidade. Nesta ocasión tocoulle o turno aos alumnos de educación infantil e primaria do CEIP Curros Enriquez, en Celanova, que estiveron acompañados pola conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez.
A visita centrouse nunha serie de charlas informativas sobre o coidado do medio ambiente e a prevención de incendios forestais, coa posterior rexeneración dunha zona queimada a través de bolas de arcila con sementes de frondosas autóctonas. A conselleira, que acompañou aos cativos nesta xornada, sinalou que é fundamental inculcar unha serie de valores a prol dun monte vivo entre os máis pequenos, ensinándolles que é perfectamente compatible o uso e goce do monte co seu coidado e aproveitamento.
A xornada, que estivo coordinada polo xefe do distrito XII e un técnico forestal, versou sobre aspectos relacionados coa conservación da natureza, as características dos nosos montes e a prevención, defensa e extinción de incendios. A actividade rematou coa visita dos escolares á base dos medios de extinción que ten a Xunta de Galicia na comarca de Celanova, situada na Gandarela, para que os máis pequenos puideran coñecer de primeira man o funcionamento dos mesmos.
A conselleira indicou que a maioría das iniciativas realizadas este ano desenvolvéronse en centros de ensino de infantil e primaria, pero tamén se fixeron en institutos de ensino secundario e mesmo algunha coa universidade, dirixida a estudantes de Enxeñería de montes. As charlas planificadas para 2018 súmanse ás máis de 800 actuacións de divulgación realizadas no período 2015-2017, que chegaron a 41.249 escolares.
Aula forestal
As charlas que impartiu o distrito XII aos alumnos de Celanova tiveron lugar na Carballeira, unha zona dunha hectárea de superficie que foi rexenerada no seu día polo Servizo de Prevención e Incendios Forestais de Medio Rural e que serve a día de hoxe como aula forestal entre os escolares da zona.
Tras limpar e rexenerar a zona logo dun incendio forestal en agosto de 2017, procedeuse á poda e selección de árbores de ribeira e especies autóctonas (carballos, castiñeiros, nogueiras, etc.) e restauración de dúas zonas acuáticas que constan de dúas pozas. Tamén se acondicionou o acceso á carballeira, coa construcción de escaleira e dunha eco-aula en madeira, así como unha compostera para proporcionar abono as plantas do colexio.