O final do encontro entre UD Atios e UD Ourense deixou paso ás emocións acumuladas durante catro anos.

A Unión Deportiva Ourense xa é equipo de Terceira división! A derradeira xornada na tempada 2017-18 da Rexional Preferente enfrontaba á UD Atios fronte á UD Ourense na loita polo ascenso. Un ascenso polo que soñaban os unionistas desde fai catro anos, cando desaparecera Club Deportivo Ourense e nun verán nas bancadas do estadio do Couto creábase a Unión Deportiva Ourense.

O camiño non ía ser sinxelo e sabían que comezar desde cero sería moi duro. O obxectivo: ir subindo chanzos, ano a ano, como obrigación. O soño: chegar á Terceira o antes posible, unha categoría nacional e onde se quedara o CD Ourense antes de desaparecer (militaba en 2ª B pero os impagos o baixaron á Terceira, aínda que xa non competiría no curso seguinte pola súa desaparición).

Corenta e cinco minutos antes do partido o campo do Atios xa estaba ateigado de seareiros dun e doutro equipo. Atios vivía unha festa co seu equipo con opcións de ascenso. Na outra bancada e ledicia pola situación mezclabase cos nervios de poder lograr o cuarto ascenso consecutivo na súa curta historia.

O partido, o típico no que tanto hai en xogo. Poucas ocasións (a máis clara do Atios no minuto 60), algunha que outra polémica pero sempre coa tensión a flor de pel, tanto no rectángulo de xogo como fóra del. Nos últimos intres os de Fernando Currás buscaban o curruncho para que o tempo pasara, unha pequena tangana -sen consecuencias- precedeu ao asubío final. A partir dese momento, a éxtase.

Os afeccionados saltaron ao campo a festexar cos seu heroes a xesta. Todos abrazados no círculo central celebrando a fazaña dun equipo que, a día de hoxe -29 de maio de 2018- hai catro anos, non existía. Desbordáronse as bágoas nas meixelas de afeccionados, xogadores e corpo técnico.

Atios, parroquia exemplar
Noutro lado estaban os perdedores que se comportaron como gañadores. Primeiro por acudir a animar ao seu equipo sabedores do trascendental do choque, no que non deixaron de animar. E despois, por agradecerlles o esforzo durante os 90 minutos. Os futbolistas achegáronse á bancada a aplaudirlle á súa afección, e esta respondeu ao grito de Atios, Atios!.

Despois chegaría o momento de confraternidade. Os afeccionados unionistas comezaron a corear o nome de Atios e istes respondéronlles gritando Ourense!.

Copa
Para rematar, o presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán entregou un diploma ao presidente do club, Modesto García e depois a Copa ao capitán, Xurxo. A UD Ourense ademais de ascender tamén proclamouse campión de Liga.