A II edición do Festival Internacional de Curtas Vía XIV, celebrada entre os días 1 e 9 de decembro do ano pasado en Verín, deixou un retorno económico directo para a vila cifrado en 30.515 euros. A esta cantidade hai que sumar o valor dos intanxibles que contribúen a fortalecer a marca Verín. Entre eles, tal e como salienta o director do certame, Carlos Montero, destaca o da comunicación xerada en torno ao evento, que ascende a 247.500 euros (o que valería unha campaña de publicidade en termos equivalentes). Pola súa banda, Emilia Somoza, concelleira de Cultura de Verín destaca “que o festival sitúase no epicentro da intensa programación cultural que o Concello ten desenvolvido ao longo dos últimos tres anos; unha axenda con carácter estable, que contribúe á dinamización da vila”.
Os responsables do FIC Vía XIV séntense moi satisfeitos coa elevada participación rexistrada, xa que o festival foi capaz de mobilizar a 2.800 persoas na vila durante os seus nove días de duración. Delas, un total de 879 visionaron algunha das proxeccións do festival, un total de 321 participaron na gala inaugural e 395 no acto de clausura. Tamén destaca pola súa relevancia o número de cativos que tomaron parte nas actividades paralelas ao evento (670).
Ademais da notable presenza de público, “conseguiuse plenamente o obxectivo de afianzar a internacionalización do certame”, apunta Montero. Neste sentido, o director do Festival de Curtas de Verín pon en valor que das 39 curtas de cinco países diferentes seleccionadas a concurso na primeira edición do certame, pasouse a 57 pezas de 21 países diferentes na edición de 2017. Ademais, no último FIC Vía XIV houbo tres estreas mundiais, cinco estreas internacionais, tres estreas europeas, 11 estreas españolas e 26 estreas galegas.
Numerosos premios
Por outra banda, varias das curtas programadas no último FIC Vía XIV obtiveron con posterioridade ao seu pase por Verín diferentes galardóns e recoñecementos en diversas convocatorias de premios e certames a nivel nacional e internacional.
Así, por exemplo, Matria de Álvaro Gago ergueuse co Gran Premio do Xurado en Sundance; Flores, de Jorge Jácome, levou o Gran Premio á Mellor Película en Punto de Vista e foi seleccionada en San Sebastián, Toronto e no New York Film Festival.
Los Desheredados, de Laura Ferrés, gañou o Goya á Mellor Curta Documental e recibiu ducias de premios en festivais de todo o mundo. Galatea al infinito, de Ambra Reijnen, foi seleccionada en Hot Docs de Canadá e en Cartaxena de Indias, ademais de exhibirse no Museo Reina Sofía. E, finalmente, Copa Loca de Christos Massals seleccionouse para os European Film Awards e foi proxectada no MoMA.
Xunto a isto, o director Marcelo Martinessi, cuxo traballo puido verse en Verín, recibiu o Oso de Prata en Berlín e o traballo Jacques Perconte, outro dos directores con presenza no FIC Vía XIV, foi seleccionado para ser exhibido no International Film Festival de Rotterdam.