A cuarta edición do Trofeo Copa Deputación de Ourense de natación artística reunirá este sábado, 9 de xuño, na piscina “Rosario Dueñas”, no pavillón dos Remedios de Ourense a 425 nadadoras procedentes de 12 clubs de toda Galicia. A presentación deste evento deportivo tivo lugar no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; e a presidenta, vicepresidenta e secretaria do Club Sincro Ourense, Luz Maria Abadin, Elisa López e Ángeles Rodríguez, respectivamente.
Rosendo Fernández dixo que unha vez máis “a Deputación de Ourense aposta polo deporte base da nosa provincia, neste caso cun evento deportivo que cada ano consegue superarse ano a ano en público e en participación por parte dos clubs de Galicia”. A presidenta do Club Sincro Ourense explicou que durante o evento “realizaranse un total de 85 coreografías de rutinas, nas súas distintas variantes: solos, dúos, combinados, equipos libres e equipo técnico”. Asemade o equipo Ovar sincro de Portugal ofrecerá aos asistentes unha exhibición de natación sincronizada.
A xornada desenvolverase en horario de mañá de 10 a 14 horas e de tarde de 16 a 19.30 horas. A entrada para o evento é gratuíta. No torneo, os clubs participan en cinco categorías: escola, base 1, base 2, base 3 e base 4. Os galardóns serán entregados ao mellor Club escola e bases, e as medallas de ouro, prata e bronce, ás mellores coreografías de cada categoría. Pola tarde, entregarase o trofeo ao mellor Club de base 4 e medallas aos tres mellores equipos de cada categoría, explicou Luz María Abadín, quen destacou que “as nadadoras ourensás máis destacadas, que participarán no Campionato de España, que se celebrará en Ourense, realizarán unha exhibición das rutinas que presentarán tanto no Campionato Galego de Nivel como no Campionato de España”, dixo a presidenta do Club Sincro Ourense.