A piscina Rosario Dueñas acolle, esta fin de semana (16 e 17 de xuño), o Campionato Galego de Verán de Natación Artística, unha cita que convoca 140 deportistas de 7 clubs de Galicia, e na que as representantes do club Sincro Ourense, o anfitrión, serán maioría (30). “A competición desenvolverase nunhas instalacións magníficas, en palabras dos diferentes deportistas que se achegan a Ourense a competir, e ademais dunha competición deportiva de primeiro nivel, será un espectáculo que combina o máximo dos esforzos coa máis estética das postas en escena”, dixo o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, durante a presentación.
Haberá sete clubs neste campionato, segundo recordaba Luz Mª. Abadín: “Ademais do Sincro Ourense, estarán os clubs Sincro Ferrol, Sincro Pontevedra, Porta Miñá de Lugo, Galacio Sincro de Pontevedra, Sincro Rías Baixas e Real Club Náutico de Vigo”. En canto ás categorías, haberá desde Alevín (9 anos) ata Sénior (+18), e as modalidades de competición serán Solo Libre, Solo Técnico, Dúo Libre, Dúo Técnico, Rutina de Equipo Libre, Rutina de Equipo Técnico.
A competición será a antesala do Campionato de España alevín e júnior que se celebrará en Ourense no mes de xullo, e para o que se irán preparando as rutinas que se estreen en Ourense. En total, segundo a técnica Elvira Alonso, serán 82 as rutinas que se desenvolvan na fin de semana (17 delas a cargo das ourensás).
Na presentación estiveron, ademais do concelleiro de Deportes, Mario Guede, e do alcalde de Ourense. Jesús Vázquez, as responsables do club Sincro Ourense (as directivas Luz Mª. Abadín e Elisa López, así como a técnica e Elvira Alonso), e os responsables de Deportes da Deputación, Bernardino González, e da Xunta de Galicia, Manuel Pérez.