Inaugurouse, o 3 de xullo, o servizo de Biblio-piscina de Verín nas piscinas descubertas de A Granxa. Por décimo ano consecutivo, a Biblioteca Pública Municipal de Verín pon en marcha este proxecto co obxectivo de estender os servizos bibliotecarios aos usuarios desta instalación deportiva, potenciar a lectura e dinamizar a realización de actividades lúdico-culturais fóra do curso escolar.
A biblio-piscina estará atendida por voluntarios e voluntarias da Biblioteca de Verín que roldan entre os 9 e os 25 anos e que teñen un firme compromiso coa dinamización da lectura. Ofertarán máis de 300 libros, revistas e cómics de diferentes temáticas e escritos en castelán, galego ou portugués para chegar aos gustos de todos os públicos. Tamén estarán dispoñibles diferentes xogos de mesa. Aqueles usuarios que queiran facer uso do servizo solo terán que deixar unha prenda a cambio do libro ou xogo.
A Biblio-piscina funcionará ata o mes de setembro (de luns a domingo), en función da climatoloxía. O seu horario habitual será de 17 a 20 horas (durante os sete días da semana). No ano 2017 este servizo abriuse ao público unhas 170 horas e o número de préstamos realizados ascendeu a 2.000. Con todo, as instalacións da Biblioteca Pública Municipal tamén continuarán abertas ao público durante os meses de verán, de luns a venres, de 10 a 13.30 e de 16.30 a 19.30 horas.
Á inauguración acudiron o tenente alcalde e concelleiro da área de Mocidade, Diego Lourenzo e a concelleira de Cultura, Emilia Somoza. Ambos agradecéronlle a súa labor aos voluntarios e animáronos a seguir con este tipo de iniciativas, esperando que cada ano sexan máis os que decidan seguilas.
Esta actividade é só una das moitas que leva a cabo a Biblioteca Pública Municipal de Verín ao longo do ano. E é por este tipo de iniciativas, que serven de exemplo para cada vez máis localidades, polas que xa foi recoñecida, durante sete anos consecutivos, na Campaña de Animación á Lectura María Moliner, como Biblioteca Asociada pola UNESCO, e co premio á Mellor Iniciativa ao Fomento da Lectura para Bibliotecas Públicas 2011, concedido pola Federación de Gremios de Editores de España.