A cidade de Ourense volverá converterse no maior auditorio de Galicia ao aire libre coa chegada do II Festival Piano Meeting. Como paso previo, convócase o concurso no que poden participar pianistas de ata 35 anos para optar a formar parte dos músicos que comporán o cartel do certame.
O Piano Meeting 2018 celebrarase a finais do mes de setembro e contará coas actuacións dos 20 músicos seleccionados na fase de concurso. Os concertos terán lugar ao aire libre en espazos emblemáticos da cidade e o festival incluirá tamén obradoiros para neófitos e concertos de grandes pianistas convidados, ao tempo que se permite a participación de espontáneos que se animen a tocar.
Participantes
Os interesados en participar terán que enviar un vídeo e o seu currículo antes do día 23 de xullo. O xurado seleccionará, ademais, outros 20 aspirantes, entre os que o público, a través das redes sociais, escollerá outros 10 participantes desta edición do Piano Meeting. As bases completas poden consultarse en www.pianomeeting.com.