Cristina Cid é do núcleo forte do BNG de Allariz e seguindo a liña de unidade do partido no municipio o pasado 22 de xuño tomou o relevo de Francisco García como alcaldesa. Cid, que destacou nos últimos tempos polo seu gran traballo no desenrolo do comercio e o turismo do concello, confesa que inicia esta nova etapa “con ilusión, pero con vertixe”.
Cando lle comunicou o ex alcalde que deixaba o seu cargo?
Cristina Cid: “Era algo que xa o tiñamos falado un par de meses antes da súa renuncia. Xa dixera ao grupo de goberno a súa intención de non continuar; non se veía ao fronte do Concello nesta última etapa porque xa anunciara que non se ía presentar á reelección. Ademais, necesitaba reaxustar a súa vida persoal e precisaba duns plazos necesarios. Así que había que iniciar o relevo”.
Agardaba que non rematara o mandato?
C.C.: “Nos últimos seis meses el xa nos tiña adiantado algo de que comezaba a ver complicado rematar este mandato. Entón, tampouco pillounos por sorpresa. El pensaba que estaríamos en campaña electoral varios meses e que podería atoparse un pouco desubicado nese papel”.
Como se decidiu que vostede fose a sucesora?
C.C.: “Abrimos un debate sobre quen debía ser a persoa que continuara á fronte tendo en conta que haberá unhas eleccións municipais e o partido tiña que elexir quen será o seu candidato. O grupo de goberno fixo a proposta de que fora eu e elevar ao grupo do BNG que ademais de ser eu a alcaldesa nos próximos meses tamén fora eu a candidata para as vindeiras eleccións. Tanto a nivel local coma comarcal houbo reunións para tomar esa decisión; eu celebro que sexa por unanimidade en ámbolos dous casos”.
Que legado deixa Paco en Allariz?
C.C.: “Deixa un legado máis que importante. Un dato obxectivo son as infraestruturas e os servizos existentes. Ademais, deixa ese sentimento de orgullo dos veciños. Ese orgullo de pertenza que fai que as diferentes xeracións desde que se iniciou o proceso revolucionario do 89 non só manteñan ese orgullo por Allariz se non que incluso se ten incrementado. E niso o traballo de Paco foi fundamental; en todas as súas actuacións mostrou ese orgullo alaricano. E iso dícese fóra, algúns dicen que somos algo chauvinistas. Está claro que Paco destacou nos diferentes ámbitos, a través de tradicións coma a Festa do Boi ou dos servizos postos en marcha como servizo público no que tanto creu e tanto defendeu, el fixo que ese orgullo se ensalce para respetalo e defendelo”.
Que sensación tivo cando colleu o bastón de mando?
C.C.: “De ilusión pero vertixe. O pleno que foi moi emotivo e festivo. Foi un xoves, e o venres cando pisei o despacho que ocupo agora invadiume unha sensación de responsabilidade moi importante. Os primeiros días equivocábame e volvía ao meu. A responsabilidade é grande pero temos un persoal no Concello magnífico que me arropou en todo momento”.
Como afronta esta etapa como alcaldesa?
C.C.: “Pois con moita ilusión e con moita resposabilidade. Afrontar un reto coma este despois de estar na alcaldía Anxo Quintana e Paco García é unha responsabilidade moi importante. Pero sempre dixemos que as persoas eran importantes pero que, sobre todo, o importante era o equipo; e nese sense estou tranquila porque o grupo de goberno coñece perfectamente o traballo que está facendo, cales son os obxectivos marcados non só no 2015, senon desde moitos anos atrás. E ten claro cales son os éxitos dese proxecto e cales os novos retos. Así que, con ilusión e responsabilidade, pero coa tranquilidade de que seguimos sendo o mesmo equipo”.
Que proxectos prioritarios ten ata que remate este mandato?
C.C.: “Queremos rematar a tramitación urbanística para a construción dun auditorio en Allariz. Servirá como recinto feiral e acollerá os eventos que estamos a realizar e incluso algunha petición que temos de actividades que requiren un aforo maior do que temos agora mesmo. É complexa pero agardamos poder concluila cando remate o ano co consenso da corporación e polo tanto que no próximo mandato se nos permita estar na redacción do proxecto e na procura de financiación para poder facelo realidade. Para se-tembro queremos ter todo rematado para presentar na Xunta toda a documentación desta proposta.
Outro obxectivo que nos marcamos é incrementar a calidade de vida potenciando a participación veciñal; queremos destinar partidas orzamentais para decisións que se poidan tomar no ámbito veciñal, e quereríamos tamén implicar aos máis cativos a través dun consello de nenos para que eles teñan as súas propias reunións, plenos e poidan tomar decisións que vaian destinadas a eles”.
Cal sería o proxecto que lle fai especial ilusión desenvolver en Allariz nun posible próximo mandato?
C.C.: “Cóstame decir un, pero sería aumentar o número de superficies agrarias e forestais que están en estado de abandono que as podamos ver producir non soamente na agricultura se non tamén en gandeiría, como a cría de carne de boi, que son obxectivos estratéxicos. Necesitamos que o noso rural estea producindo. Quero mirar, dentro dun anos, cara eses rural e quero velo producir”.