Máis de 500 persoas, integradas en catorce comparsas, murgas e charangas, desfilarán este sábado, 14 de xullo, polas rúas máis céntricas do Carballiño durante o Entroido de Verán. Estarán as charangas que foron premiadas no entroido de inverno do Carballiño e doutros lugares da provincia e de Galicia.
Así, formarán parte do desfile as comparsas Ciklón, Os Solfamidas, Os Festicultores, Os 100 TOLOS, así como Os Silleiros Hippies de Maside, O Gran Musical do Castro de San Amaro, Os Azucarados de Maside, Os Mexicanos, Os Arrieiros de Dacón, Tribu Samburu de Partovia e Os Picapedra de Aspadisi, ademáis das charangas Castro Bello e Doctor Anchoa. E, por suposto, non faltarán a esta cita Os Liborianos.
O desfile comezará ás 20.30 horas con saída dende a praza da Veracruz, e co seguinte itinerario: praza da Veracruz – Curros Enríquez – Rotonda Alameda – avenida Julio Rodríguez Soto – Centro Galego de Bos Aires – Tomás Mª Mosquera – praza Maior.
A partir das 12 da noite, haberá verbena na praza Maior amenizada pola orquestra Marbella.
O Entroido de Verán tamén terá a súa vertente infantil, que se celebrará o venres 13, a partir das 10 horas na praza Maior, cun obradoiro de máscaras, e desde as 11,30 h., animación a cargo do DJ Tibu.