Contará cun investimento de 62.500 euros.

Bande acondicionará o aparcadoiro termal nos Baños

Turismo de Galicia destina este ano preto de 730.000 euros para o fomento da accesibilidade e sinalización turística nos recursos turísticos no medio rural da provincia de Ourense. A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, fíxoo este anuncio durante a visita que realizou ao concello Bande, un dos concellos ourensáns beneficiarios da convocatoria de axudas deste ano.

Díaz Mouteira explicou que en 2018, ao abeiro desta liña de subvencións, se van conceder axudas a preto de 30 concellos e entidades locais da provincia de Ourense co obxectivo de mellorar a accesibilidade física e á sinalización dos seus recursos turísticos coma os espazos naturais, os miradoiros e as rutas de sendeirismo, as praias fluviais ou os bens culturais.

Bande
Durante a visita ao Concello de Bande, a delegada territorial explicou que o obxectivo desta liña de subvencións, a través da cal este propio concello recibirá unha achega de máis de 40.000 euros, é dotar o medio rural de Galicia das infraestruturas e sinalización adecuadas para convertelo nun recurso turístico accesible.

Os traballos que se van a executar en Bande supoñen a valorización dun dos reclamos turísticos deste municipio como é o complexo termal emprazado nos Baños e consistirán no acondicionamento do aparcadoiro co obxectivo de reducir o impacto negativo que producen os vehículos estacionados na contorna. O investimento total desta actuación está cifrado en preto de 62.500 euros.

Marisol Díaz salientou o compromiso da Xunta co impulso turístico dos concellos a través das numerosas liñas de axudas convocadas anualmente polo departamento autonómico dirixido por Nava Castro.